Expertos urxen o Goberno español a decretar un confinamento “total” perante o risco de saturación das UCIs

(Arxina)

Recomendan clasificar territorios segundo o número de casos por cada 100.000 habitantes e aplicar medidas distintas segundo incidencia.

Un grupo de expertos en saúde e análise de datos publican na revista médica 'The Lancet' un manifesto no que urxen ao Goberno español a ir máis alá nas medidas de loita contra o coronavirus perante o risco dun colapso e saturación do sistema sanitario que se prolongaría até finais de abril.

As persoas asinantes consideran que as medidas xa implementadas de confinamento e limitación da mobilidade “van polo bo camiño” mais non son suficientes.

Así, e en base a unha serie de modelos matemáticos, consideran que hai risco no Estado español desa saturación, máxime, engaden, tendo en conta que hai unha porcentaxe de poboación envellecida bastante importante e que ten un índice de mortandade alto por coronavirus entre as persoas contaxiadas.

Con eses datos na man, estes expertos insisten en que hai un risco “moi alto” de saturación do sistema sanitario até “24 de abril”. Por iso, “urximos o Goberno español a implementar medidas máis contundentes para minimizar o impacto da expansión da pandemia entre a poboación".

Clasificar segundo territorios

No artigo aconsellan clasificar os territorios do Estado segundo a porcentaxe de casos de COVID-19 por cada 100.000 habitantes e que as intervencións e medidas que se realicen respondan ás características desa clasificación.

Por exemplo, proseguen, na categoría A, na que houbo 100 ou máis casos por cada 10.0000 habitantes nos pasados sete días, recoméndase un confinamento total e o peche da rexión, exceptuando os servizos esenciais de hospitais, centros de investigación e centros de saúde, durante un período mínimo de entre 15 e 21 días. Nesta categoría estarían Madrid (155 casos por cada 100.000 habitantes), Catalunya, Euskal Herria, e ambas as dúas castelas.

Na categoría B, menos de 100 casos por cada 100.000 habitantes, recoméndase permitir que 30% da poboación traballe e a mobilidade de 25%, un confinamento parcial ao tempo que se realiza un estrito seguimento do número de infeccións. Aquí estaría Galiza.


Todos os desprazamentos non esenciais por terra mar e aire deben ser totalmente interrompidos polo menos durante 15 días, propoñen.

As medidas que propoñen non implicarían que a enfermidade remitise nas vindeiras semanas, aclaran, senón que sería preciso un seguimento relizando probas a todas aquelas persoas susceptíbeis de contaxio. E poñen como exemplo para o seguimento a creación dunha aplicación para móbiles nas que as persoas avisen. Ou incrementar a capacidade para realizar test e proceder a un rápido illamento

Tamén lle piden ao Goberno español acceso aos datos dos que dispón
para que a comunidade científica os poda empregar d reclaman medios abondo para o persoal sanitario.