Expertos urxen un cambio de modelo forestal: "Vivimos rodeados de biomasa, como quen vive debaixo dun almacén de mistos"
Baixo o título 'Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?', a sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega desenvolveu unha xornada de análise sobre as mudanzas da paisaxe nas últimas décadas que, de forma progresiva, pasou a estar dominada pola presenza de "arboredo e mato", cada vez máis uniforme.
O cambio vén de lonxe, de inicios do século XX, cando tanto a Administración pública como propietarios privados comezaron a alentar a plantación de arborado. A partir dos anos 50 e 60, a actividade desforestadora por parte do Estado dá lugar a unha actividade de plantación moito máis intensa, á que de novo se suman os propietarios privados que xa non se dedican ao sector agropecuario.
"Prodúcese unha mudanza esencial do tipo de sistema agrario. O sistema de produción orgánico, ligado ao monte, fundamental para manter a fertilidade das terras de cultivo deixa de selo pola introdución dos fertilizantes químicos", explica a Nós Diario Eduardo Corbelle profesor da USC e coordinador da xornada. Desde entón, a actividade agrícola e gandeira concéntrase en áreas coas mellores características agronómicas e comeza a desaparecer de forma gradual, para deixar paso a máis plantacións forestais e ao crecemento espontáneo de vexetación.
Hoxe, o mato e arboredo definen a paisaxe, antes dominada por unha combinación de pequenos campos, bosques, pasteiros e leiras ao carón das aldeas que daban conta dunha variedade de usos que van perdendo. O resultado, un forte incremento da biomasa vexetal e unha continuidade espacial crecente das masas forestais, dedicadas a un número reducido de especies.
Con todo, hai diferenzas. "Se trazamos unha diagonal desde A Mariña ao Baixo Miño vemos que a zona norte está ocupada fundamentalmente por especies plantadas que teñen como destino o aproveitamento industrial, masas de piñeiros e eucaliptos; na metade sur tamén se ven, pero dominan as especies nativas, moi a miúdo caducifolias, que foron crecendo de maneira espontánea", describe Corbelle.
O dominio do eucalipto, asegura "é unha sensación que temos na Galiza urbana". Na marxe atlántica e na Mariña está comezando a ser a matriz da paisaxe, mais no interior non é así, di. Con todo, defende o profesor da USC, un dos maiores problemas asociados á configuración actual da paisaxe forestal, obxecto da xornada, os incendios, "non depende tanto da especie concreta que vexeta en determinados sitios como da cantidade de biomasa que se acumula sobre o territorio e da continuidade espacial desa biomasa".
Políticas duradeiras
Temos moita superficie plantada e moi continua, o escenario perfecto para os grandes incendios que superan a capacidade de control por parte dos medios de defensa dispoñíbeis e que son cada vez máis habituais.
"Vivimos rodeados de biomasa, como quen vive debaixo dun almacén de mistos. Podes confiar na túa boa sorte, pero é cuestión de tempo que por calquera circunstancia aquilo prenda", máis nun contexto de quecemento global e cambio climático.
Corbelle sinala a necesidade de fragmentar a área arborada e de mato para rachar a continuidade do combustíbel, seguindo, por exemplo, a experiencia do proxecto Mosaico, en Estremadura, que avoga por recuperar actividades agrarias na paisaxe ou introducir outras novas. Mais na Galiza, advirte hai unha cuestión relacionada coa propiedade do territorio que dificulta a implantación de proxectos deste tipo, polo que urxe botar man de todas as ferramentas dispoñíbeis para reducir os obstáculos da propiedade fragmentada para implantar novos proxectos.
Neste sentido, conclúe Corbelle, as mudanzas do territorio requiren de moito tempo, "decenios", que as políticas públicas non conceden. "Non hai instrumento lexislativo que dure nin execución real de medidas concretas que atendan a dimensión e complexidade dos cambios que se pretenden. Tampouco avaliación ningunha, como se viu no caso da moratoria do eucalipto", censura. "O esforzo de xestión ten que ser maior e non se reducir só ao dispositivo de extinción de incendios. Hai que ir máis aló con proxectos de xestión forestal que non se reduzan a plantar e cortar eucalipto cada dez anos".

