Expertos da USC priorizan a hixiene de mans e o distanciamento social sobre as luvas e as máscaras

Máscaras, luvas e máis material sanitario donado pola Universidade da Coruña ao Sergas.
Os expertos en medicina preventiva Juan Gestal e Francisco Caamaño, profesores ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela (USC), chaman a fomentar a hixiene de mans e a distancia social para frear a epidemia, antes que o emprego regular de luvas e máscaras.

O doutor Gestal lembra a Organización Mundial da Saúde "desaconsella o uso de luvas", dado que "tamén se contaminan, tal e como sucede coas mans". "O que si debe facerse con frecuencia é lavar as mans con auga e xabón durante 20 segundos", ao regresar a casa tras unha saída imprescindíbel, observa, e recomenda, no caso de usarse luvas, que deben ser preferíbelmente dun único uso, "lavar as mans antes de poñelas e ao retiralas" e non tocar o nariz, boca ou ollos con eles.

"O máis importante é ser conscientes de que as nosas mans poden estar contaminadas, así que deben lavarse con frecuencia", concorda Francisco Caamaño, que fai fincapé, ademais, na forma correcta de quitar as luvas, sen tocar a parte exterior, contaminada.

No que ten a ver coas máscaras, o profesor Gestal advirte que "teñen unha duración limitada no tempo" que, en caso das cirúrxicas, é de 10 a 15 minutos, xa que "en canto se humedecen pola parte anterior deben desbotarse sen tocar esa parte". Os filtros de partículas FFP1, FFP2 e FFP3, apunta, teñen unha duración maior, "moitos días", dependendo do tempo de uso e da conservación, se ben atopar este tipo de máscaras nas farmacias na actualidade é "practicamente imposíbel". Deben rexeitarse cando se danen, deformen, mollen ou ensucien.

A efectividade das máscaras caseiras

Para este experto, "a protección que poidan ofrecer as máscaras faciais de produción caseira depende moito do tipo de tecido de que estean feitas, pero en xeral poden deter as pingas". Para hixienizalas, poden lavarse na lavadora, nun programa de auga quente, ou desinfectarse mergullándoas nunha solución de lixivia en auga do 0,1%.

Pola súa banda, Francisco Caamaño pon o foco na distancia social, algo que "é moito máis importante que o uso de máscaras faciais". "Debemos mantela", incide.