Expertos apuntan que o proxecto de Altri "incumpre" diferentes artigos da Lei de patrimonio
O Anexo III do estudo de impacto ambiental (EIA) do 'Proxecto Gama' –impulsado por Altri a través da sociedade Greenfiber– para a construción dunha 'macrocelulosa' en Palas de Rei (A Ulloa) é o relativo aos bens patrimoniais previsibelmente afectados por estas instalacións. Esta parte do informe recibiu desde marzo de 2024 críticas de distintas persoas expertas e asociacións que traballan no ámbito patrimonial pola súa "falta de concreción" e a "minoración" de efectos adversos "evidentes” que a factoría ocasionaría tanto na Ulloa como na comarca da Terra de Melide –os espazos xeográficos máis próximos á planta–.
Segundo explican a Nós Diario profesionais da Xeografía e persoas expertas en patrimonio, o proxecto de Altri "incumpriría varios artigos da Lei 5/2016, do patrimonio cultural da Galiza, e directivas internacionais a respecto da protección do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola Unesco". A citada lei estabelece, como criterio xeral de protección dos valores propios do Camiño, o mantemento das características principais do territorio que conforman as rutas. Tamén sinala expresamente que calquera obra que se realice na súa contorna deberá ser compatíbel "coa conservación e protección dos seus valores propios", o que “suporá preferentemente o mantemento dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais”.
O Consello da Cultura Galega alertou no seu informe das eivas do estudo de Altri.
Na avaliación ambiental do 'Proxecto Gama' non se caracterizaron as paisaxes agrarias tradicionais, nin a biodiversidade asociada, nin outros elementos do territorio histórico como a rede camiñeira –non se analiza, por exemplo, o único camiño antigo documentado– ou outras permanencias históricas integradas no territorio que expresan as súas particularidades, segundo destaca o recente informe elaborado polo Consello da Cultura Galega –asinado pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e a arquitecta Teresa Nieto Freire– no apartado relativo aos impactos socioculturais da factoría no territorio patrimonial de Palas.
Á espera de que se resolva o expediente da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, o xeógrafo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Diego Cidrás asegura a Nós Diario que “hai indicios de que o proxecto podería vulnerar algúns artigos da lei”, con casos como o do “territorio histórico” do Camiño de Santiago. O profesor Cidrás, membro do Grupo de Análise do Territorio (ANTE) da USC, destaca que “a lei estabelece que o Camiño debe manter as súas características territoriais, o que inclúe as actividades económicas e sociais da zona, os usos do solo e, en definitiva, a súa paisaxe”.
E precisamente este, ao seu ver, "pode ser un dos puntos máis críticos desta fase de avaliación ambiental”. Lembra que nesta mesma liña se pronunciaron tamén o Consello da Cultura Galega e mais Icomos –asesor independente da Unesco–, xunto a varios dos colectivos que participaron nas alegacións ao proxecto.
O impacto na paisaxe
Lamenta este xeógrafo especialista na paisaxe que “todo o desenvolvemento normativo dos últimos anos en materia de paisaxe parece quedar sen efecto”, en alusión ao 'Proxecto Gama'. Desde o Catálogo das Paisaxes da Galiza, que diagnosticou na área paisaxística á que pertence A Ulloa “unha degradación causada pola expansión das plantacións forestais de crecemento rápido”, até o máis concreto, como é o estudo de impacto e integración paisaxística do proxecto, “que parece só considerar o edificio da fábrica como un catalizador de cambio paisaxístico”.
Cidrás explica que “unha avaliación paisaxística rigorosa debería partir dun proceso de participación pública que non pareceu existir” no caso de Greenfiber. "O máis lamentábel é o evidente deixamento dos instrumentos de ordenación territorial na planificación deste proxecto. Se realmente o país necesita outra industria deste tipo, algo que xa de por si está en cuestión, o mínimo sería asegurar que o seu encaixe no territorio fose rigorosamente avaliado”, di.
Coa declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) por parte da Xunta, Diego Cidrás destaca que “se optou por unha vía rápida que deixou de lado todos os procesos de planificación territorial lóxicos para a localización dunha factoría tan relevante”. Bens patrimoniais de Palas de Rei como o castelo de Pambre –situado nun promontorio– veríanse afectados a nivel paisaxístico, así como os torrentes do Mácara ou a igrexa de Vilar de Donas, unha xoia da arte medieval que recibe miles de visitantes cada ano. Na contorna na que se construiría a celulosa áchanse máis de 100 bens de interese cultural (BIC) recoñecidos pola mesma Xunta da Galiza, entre os que se atopan un cento de hórreos, mámoas e petróglifos.
A ruta entre Palas de Rei e Melide é a máis concorrida do Camiño Francés.
No caso do Camiño, o tramo entre Palas de Rei e Melide é a máis concorrida ruta do Camiño Francés, con máis de 250.000 peregrinos por ano. Pasa a pouco mais de 2 quilómetros do hipotético emprazamento de Altri, que poría en xaque a condición de Patrimonio da Humanidade, tal e como avanzou o pasado marzo Nós Diario.
Obrigas legais: Un proxecto que vai máis alá do local
O arquitecto e experto en xestión patrimonial Xosé Allegue sinala os artigos da Lei de patrimonio da Galiza que "non cumpre" o proxecto da 'macrocelulosa', nomeadamente o 33, que obriga a Xunta da Galiza "a garantir a protección do patrimonio cultural", ou o 82.1, que recolle a necesidade de redactar un "plan territorial integrado" arredor dos Camiños de Santiago para "garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles”, algo que, asegura, "tamén se está a incumprir".
Na zona onde Altri proxecta a fábrica “hai bens de interese cultural, hórreos, mámoas e petróglifos”, sinala Allegue, e todos eles “están protexidos e afectados pola lei galega”. No caso do Camiño de Santiago, considera “ridículas” as zonas de amortecemento que a empresa recolle no seu EIA e asegura que a avaliación do seu impacto terá que pasar tamén polo Goberno español e as directrices coas que a Unesco regula os bens Patrimonio da Humanidade.
Tamén Diego Cidrás alerta doutros impactos: "A construción dunha celulosa como a proxectada por Altri transcende calquera lóxica local, tamén no ámbito patrimonial”, di. Cidrás destaca que “existe un impacto territorial máis amplo, que é o que nos preocupa a unha maioría", pois é un proxecto "a escala de país e debe ser avaliado na súa xusta dimensión”.