Papel de mans para secar expedientes mollados. Denuncian a curiosa 'solución' da Xunta ante goteiras nun xulgado

Expedientes mollados na Cidade da Xustiza de Vigo (Foto: Alternativas na Xustiza).
O sindicato Alternativas na Xustiza cuestionou os medios que a Administración galega puxo ao dispor do persoal de arquivo que "leva meses loitando para lograr minimizar ao máximo a falta de espazo nos arquivos xudiciais da nova Cidade da Xustiza de Vigo".

O sindicato Alternativas na Xustiza, dependente da Central Unitaria de Traballadoras (CUT), denunciou esta segunda feira que a Xunta da Galiza "está a recuperar" os expedientes almacenados na Cidade da Xustiza de Vigo que resultaron danados polas chuvias rexistradas a mediados do pasado mes de decembro con "papel de mans de cuarto de baño".

O sindicado cualificou ironicamente, a través dun comunicado, as medidas do Goberno galego de "modernas e novas". "A Xunta da Galiza non se dignou a enviar nin calefactores nin deshumidificadores", criticaron.

Alternativas na Xustiza cuestionou os medios que a Administración galega puxo ao dispor do persoal de arquivo que "leva meses loitando para lograr minimizar ao máximo a falta de espazo nos arquivos xudiciais da nova Cidade da Xustiza de Vigo".

Falta de espazo

Neste sentido, o sindicato lembrou que nos xulgados da viguesa rúa Lalín hai "máis de 110.000 caixas de expedientes cando na Cidade da Xustiza de Vigo só hai espazo para 30.000 caixas".

A Xunta da Galiza asegurou a pasada sexta feira, 23 de decembro, que estas goteiras eran "incidencias concretas e puntuais" debido ás intensas chuvias rexistradas a mediados do pasado mes de decembro.

A Cidade da Xustiza de Vigo sufriu por aquel entón unha filtración de auga que foi "rapidamente reparada" e que "tan só afectou os documentos de dúas caixas".

Fontes do Goberno galego aseguraron que a Administración galega adoptou medidas de protección provisionais para evitar "outros danos", accións que criticou esta segunda feira Alternativas na Xustiza.