O PP volve votar no Parlamento en contra de reabrir o paritorio de Verín

A oposición insta a "recoñecer o erro" aos populares, que condicionan a reapertura da sala de partos a que se garanta a seguridade

Parlamento mercores 11

O Grupo Parlamentario Popular volveu a votar esta quinta feira no Parlamento en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba que a Xunta rectificase a súa decisión de "suprimir a sala de partos" do Hospital de Verín e de "desmantelar as urxencias pediátricas" deste centro.

Os populares situáronse outra vez en contra desta proposición non de lei, que o BNG xa formulou nun pleno, ao ser rexeitada unha emenda do seu grupo que pedía substituír o texto inicial por outro no condicionaban a reapertura a garantir as "condicións de seguridade" no parto.

A proposta foi defendida na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego pola nacionalista Noa Presas. "Vemos como o Partido Popular vai abrindo a porta a que a rectificación chegue, esperamos que sexa así, pero entendemos que a Cámara debe pronunciarse sobre se realmente hai compromiso ou se só son manobras de distracción", manifestou.

Así mesmo, lembrou que os populares votaron en contra desta mesma iniciativa no pleno do pasado mes de decembro e volveu emprazar as e os deputados do grupo do Partido Popular a "votar en conciencia". "Se estamos ante unha posíbel rectificación por parte do PP é grazas á veciñanza e aos profesionais da sanidade que contra vento e marea atrevéronse a pronunciarse contra o que estaba a facer a Xunta", indicou.

Unidade da oposición

"Isto é un tema básico, que fai de que grupos que noutras ocasións temos diferenzas non menores, teñamos unha posición única nesta cuestión", manifestou Noa Presas nunha comisión na que Grupo Mixto, BNG, Común dá Esquerda e PSdeG volveron situarse unidos a favor da reapertura da sala de partos.

Así, en primeiro lugar, Paula Vázquez Verao (Grupo Mixto) censurou que o PP e a Xunta neguen a existencia de "desmantelamento" de servizos neste hospital. "Aí está dermatoloxía, a falta de persoal e todas as reivindicacións", manifestou nunha intervención na que acusou a Xunta de apostar polo "hospitalocentrismo" e a "privatización".

De por parte, Eva Solla (Común da Esquerda) cualificou de "vergoñoso" que "a estas alturas" o PP non resolvese este conflito. "Os xestores e os políticos poden equivocarse pero, cando se mete a pata, o lóxico é que pedir desculpas polo dano causado ás mulleres que neste mes tiveron que desprazarse a Ourense para parir", sostivo.

Eva Solla considerou que se trata dunha decisión que "non é illada" e que vai da "man" da supresión doutros servizos. A esta advertencia, ademais, o socialista Julio Torrado engadiu a posibilidade de que após o peche do paritorio de Verín, se supriman estes servizos no resto de hospitais comarcais.

"O peche foi unha decisión intencionada e política", subliñou Torrado, que censurou que a Xunta "por soberbia" non sexa capaz de "recoñecer que se equivocou".

Comentarios