A expansión do brote tensa A Mariña

Dúas persoas permanecen ingresadas no hospital da Mariña polo brote, das catro hospitalizadas da Galiza con coronavirus.
Cun mínimo de seis municipios afectados e 59 casos positivos, o brote de coronavirus da Mariña segue aumentando as súas cifras e levou onte o Goberno galego a pedir a colaboración dos concellos para tratar de frear a expansión dun foco polo que aínda non se estabelecen medidas extraordinarias.

Os positivos por coronavirus aumentan na Mariña a razón dunha ducia de casos por día. Onte, o Sergas informaba de 59 persoas afectadas, segundo os datos da Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e de Saúde, 25% máis que na xornada previa, na que se contabilizaran 47 positivos, e 24 máis que na pasada cuarta feira. 

O foco foi detectado o 23 de xuño, unha semana despois de que Galiza saíse do estado de alarma de forma anticipada a solicitude do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, que unha semana antes recuperaba as plenas competencias sanitarias asumidas en parte polo Goberno español durante os meses máis duros da crise da Covid-19. Hoxe mantén máis de 600 persoas en illamento na comarca, entre positivos, casos sospeitosos e contactos directos coa enfermidade. 

O brote, que afecta os concellos de Foz, Burela, Xove, Cervo e Viveiro, e que contabiliza ademais un caso en Ribadeo –o dunha traballadora asturiana residente nesta localidade– e tres na cidade de Lugo, empurrou onte a Xunta a solicitar a colaboración dos alcaldes e alcaldesas da comarca no "control e vixilancia" da pandemia. Tan só un día antes, o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, sostiña que o foco mariñán estaba "controlado", como tamén reiterou no encontro cos concellos.

Na xuntanza desenvolvida onte de forma telemática entre responsábeis da Consellaría de Sanidade e dirixentes de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro, a delegación de Sanidade emprazou os rexedores e rexedoras a actuar na vixilancia e sanción de condutas de risco como "autoridade sanitaria", unha atribución que, malia estar recollida na lexislación, sorprendeu aos e os alcaldes, pola nula comunicación previa ao respecto, e pola falta de información e de recursos trasladados desde a Xunta aos concellos para afrontar este novo aumento de casos.

Mesmo onte, tras as reiteradas demandas de información actualizada e por canles adecuadas por parte dos e das responsábeis municipais, a delegación da Xunta eludiu avanzar as medidas a tomar no caso de que a expansión do virus siga adiante, se ben rexeitou, polo momento, aplicar accións extraordinarias máis alá das xa adoptadas nos últimos días, como é a suspensión de feiras e verbenas e as restricións na apertura de discotecas e locais de ocio nocturno. Fontes non oficiais apuntan a que os positivos xa sobrepasan os 60, mentres que a Xunta confirmaba onte pola mañá 77 casos no conxunto da área sanitaria de Lugo, que se coloca como segunda en canto a incidencia da enfermidade, só por detrás de Vigo (122 casos). A cifra total na Galiza sitúase en 318 persoas afectadas, segundo o Sergas.

Neste sentido, alcaldes como o de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, reclaman da Xunta a "información sistemática e coordinación que non houbo até agora" cos concellos, e lamentan as "normas contraditorias" trasladadas até o momento polo Goberno galego en canto á autorización e o control de celebracións festivas na zona afectada. No mesmo sentido, o rexedor de Cervo, Alfonso Villares (PP), reclamou onte "comunicación fluída" da consellaría e o de Foz, Francisco Cajoto (PSOE), demandaba ademais "recursos materiais e persoais para apoiar as Administracións locais" e pedía que a Xunta "tome o liderado" no control do brote. 

Após a reunión, a alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Ermida (BNG), pediu explicacións á Consellaría de Sanidade por non ter sido convocada, malia terse detectado un caso sospeitoso no parque de Bombeiros, e o "coñecemento extraoficial" de que existen positivos e persoas en corentena tamén neste municipio.  

Contradicións

O brote, detectado no municipio de Xove e que inicialmente se vinculou por parte da Xunta  cunha celebración familiar nesta localidade, segue espallándose pola comarca aínda cando a Xunta mantén que se trata dun único brote. A pasada quinta feira, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, viraba a dirección e fixaba a orixe dos contaxios en "dous ou tres bares" do porto de Burela,  se ben outras fontes sanitarias admiten que a localización non é concluínte.
Cun aumento oficial de 37 casos na última semana, os concellos afectados agardaban onte as directrices da Xunta para conter a expansión, se ben, polo momento, as indicacións limítanse a extremar as medidas de prevención e vixilancia para "garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía".