Exixirase o certificado Covid para acompañar persoas doentes nos hospitais

Certificado Covid (Foto: Úrsula Prego).

O subccomité comité clínico que asesora a Xunta na toma de decisións na pandemia aprobou incorporar como esixencia a exhibición dun certificado Covid -de vacinación, recuperación ou proba negativa- aos acompañantes das persoas enfermas que acudan aos hospitais, aínda que aínda non entrará en vigor de forma inmediata.

A medida, que ten que ser publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG), porase en marcha tras conseguir autorización do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que esta feira pronunciouse a favor de prorrogar o protocolo vixente no lecer nocturno a respecto do certificado Covid.

En declaracións aos medios en Lugo, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ratificou esta decisión do subcomité clínico, que é o órgano de asesoramento que se mantivo vixente tras a entrada da chamada 'nova normalidade' e que analiza os surtos e a situación epidemiolóxica.

Polo momento, só adoptou esta medida, que se suma a que levarán a cabo cribados quincenais aos traballadores do ámbito sanitario que non acheguen a acreditación Covid.

O subcomité clínico estudará se pedir o certificado “máis aló" do ámbito hospitalario, incluídos os centros de saúde

O conselleiro puxo de manifesto que o subcomité clínico estudará se pedir o certificado “máis aló" do ámbito hospitalario, incluídos os centros de saúde, por exemplo.

Comesaña lembrou que seguen abertos os puntos de vacinación sen cita para todas aquelas persoas que aínda non recibiron a primeira dose. Neste sentido, lembrou que as persoas que non contan coa pauta de inmunización "teñen maior risco de padecer a enfermidade e de contaxiarse".

Non se exixirá nas residencias

En resposta ás preguntas dos medios, Comesaña apuntou que "non está" sobre a mesa aplicar o certificado Covid para a entrada en residencias de maiores, posto que os propios residentes tamén teñen autorización para saír fóra e desprazarse. Por iso, dixo, barallan outras alternativas.

O conselleiro lembrou que nos centros deste tipo, as traballadoras e traballadores sociosanitarios sométense a cribados cada certo tempo desde "hai moitos meses" para minimizar a entrada do virus.

O anuncio do conselleiro coincidiu no día en que a Galiza roza os mil casos activos de Covid.