A XUNTA DI QUE EDITARá UN CóDIGO éTICO SOBRE ACOSO NO DEPORTE

Exixen que a Xunta adopte medidas políticas polo acoso ás xogadoras do Leis 26

[Imaxe de arquivo]

Após a xuntanza entre a Marcha Mundial das Mulleres e a Xunta de Galiza polo caso de acoso sexual no clube de fútbol sala Leis 26 o goberno galego di que editará un Código ético sobre o tema mais rexeita revisar as subvencións concedidas ao clube.

 

O xulgado de instrución de Pontevedra no que foi presentada a querela contra o presidente do Clube Leis 26 de Fútbol Sala emitiu un auto no que desestima a denuncia ao considerar que "non hai delito" embora si "falta por vexacións" no caso de dúas das tres denunciantes. 

Segundo explicou o avogado das deportistas Javier Picallo a Sermos Galiza, o xuíz instrutor "non lle resta importancia" ao longo do auto aos feitos denunciados, embora coidar que non son obxecto de ser considerados delituosos. Neste senso, dispón que deben ser reprobádos socialmente e tamén polas administracións públicas. 

Cuestión que foi reclamada tamén esta quinta feira (12 de febreiro) en comisión parlamentar pola deputada de AGE, Eva Solla, quen preguntou á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, polas actuacións "políticas" que ten pensado adoptar o goberno galego a este respeito. 

"Entendemos que a administración ten competencias nesta área" de acordo coas súas funcións de prevención e loita contra a violencia machista perante un caso no que se denuncia "acoso", "sexting" e "abuso de poder" no deporte. 

Igualdade reúnese coas deportistas e a MMM

Eva Solla criticou con dureza que até o momento a Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral do Deporte se tivesen "desentendido do tema" deixando as deportistas "desamparadas" e "desprotexidas". Máis aínda, subliñou, após o auto ditado polo xuíz instrutor quen deixa en mans das institucións as correspondentes actuacións políticas.

Para Javier Picallo, "as administracións están a se resistir" á hora de adoptar medidas políticas contra o presidente do clube Leis 26, José Antonio Nieto San Juan, quen continúa á fronte da equipa de fútbol sala. Porén, avanza que continuarán adiante co proceso xudicial e que xa foi presentado un recurso perante a Audiencia Provincial, tamén por parte do Ministerio Fiscal. 

Recurso perante a Audiencia Provincial

No recurso, asegura que a decisión do xuíz "adoece de defectos" nos que alicerzan o recurso, embora --explica-- o auto está "razoado". Neste senso, sinala, o xuíz coida que non existe delito porque a exposición dos feitos achegada na querela é "vaga" e "imprecisa". Un feito que para Picallo debería resolverse "chamando a declarar as rapazas" como dilixencia de proba en troca de desestimar a denuncia. 

A defensa das deportistas e o propio Ministerio Fiscal recorren o auto do xuíz instrutor na Audiencia Provincial

Javier Picallo explica que a descrición dos feitos --redactada por el propio-- está baseada no relatado por "dez deportistas". Ora ben, "foron elas as que padeceron o acoso" e polo tanto as que deben relatar de primeira man ao xuíz o que aconteceu. 

Doutra banda, relata Picallo, o xuíz considera que, embora existiren vexacións en dous dos casos estas "están prescritas", porén, cando o xuíz se refire á menor de idade "di que non hai vexacións" mais "non razoa por que". Para o letrado, "o caso debe ser analizado como un conxunto e non caso por caso" pois "o delito" reside no feito de tratar dunha situación "prevalente" na que Nieto facía valer a súa posición de autoridade para acosar as deportistas, outra cuestión que o xuíz "coida intrascentente" e pola que recorrerán. 

Xuntanza con Igualdade

Esta quinta feira (12 de febreiro) unha delegación da Marcha Mundial das Mulleres (MMM) e dúas das deportistas que denunciaron mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e coa dirección xeral de Deportes. 

A Xunta declina revisar as subvencións concedidas ao Leis 26 e unicamente se comprometeu a editar un Código ético sobre acoso no deporte

Durante o encontro, que durou por volta de 2 horas, desde o goberno galego aseguráronlles que non poden intervir pois "o caso está xudicializado", explicou Mari Luz, representante da Marcha presente na xuntanza. Porén, avanzáronlles que están a preparar un Código ético para a prevención do acoso sexual no deporte. Aliás, que tentarán mediar entre o clube e as xogadoras para permitir que estas volvan xogar. 

E é que após denunciaren o presidente do Leis 26 as deportistas foron "castigadas", sinalan desde a MMM-Galiza sen poder "xogar nen adestrar" mais tampouco se lles permite marchar do clube ao non lles liberaren a ficha. 

"Dixo o de Deportes que intercederán", apunta Mari Luz, mais cando lle exixiron que se revisasen as subvencións concedidas á equipa dixo que "non van facer nada". "Saíron por peteneras", afirma. 

Desde a MMM-Galiza valoran positivamente a trascendencia do caso tanto nas institucións como na imprensa e mesmo lle fixeron chegar á Xunta un manual contra o acoso no deporte. Aliás, aseguran que a súa vontade é sacar á luz este e outros casos que tamén se poidan estar a producir noutros clubes. 

Nas vindeiras semanas manterán xuntanzas tamén co Concello de Pontevedra e a Federación galega de fútbol. Ao mesmo tempo, acudirán este sábado ao partido que disputa no pavillón de Pontevedra o Leis 26 "para repartir díticos entre as familias e darlles a coñecer o caso". Será ás 20.00 horas.