A Xunta desoe a denuncia de "acoso sexual" presentada por deportistas do Leis 16

A deputada de AGE, Eva Solla, exixe que o goberno galego investigue o acontecido e adopte "medidas de xeito inmediato".

 

Desde que foi posto en coñecemento da Secretaría Xeral de Igualdade, o 20 de novembro de 2014, a Xunta de Galiza só contactou nunha ocasión coas deportistas do Leis 16 de fútbol sala para lles informar do traslado da súa denuncia á Secretaría de Deportes. 

Segundo a área de Igualdade do goberno galego o caso que lle foi notificado escapa das súas competencias por poder ser constitutivo de delito. Desde a coligazón Alternativa Galega de Esquerda a deputada Eva Solla lembra ao executivo de Alberto Núñez Feijóo e a secretaria xeral de Igualdade que "a Xunta ten competencias en materia de Igualdade e Deportes polo que está obrigada a investigar o acontecido e tomar as medidas que sexan precisas". 

Segundo a área de Igualdade do goberno galego o caso que lle foi notificado escapa das súas competencias por poder ser constitutivo de delito

Neste senso, a parlamentar rexistrou unha pregunta para a súa resposta en sesión plenaria na que inquire o goberno galego a respeito das medidas que ten pensado adoptar "dende a súa responsabilidade" no caso das denuncias de acoso sexual presentadas polas xogadoras do Leis 16 contra o presidente do clube, José Antonio Nieto San Juan. 

No documento rexistrado perante a mesa do Parlamento, Solla sinala que "a Igualdade real entre mulleres e homes non se consigue simplemente con campañas publicitarias, consíguese educando e actuando con celeridade ante a mínima sospeita de violencia ou acoso por razón de sexo" polo que amosa a súa "preocupación" en relación coa "pasividade" da Xunta. 

Vexacións

Nieto San Juan "buscaba escusas para quedar a soas coas xogadoras", instábaas "a probar camisolas" e proferíalles comentarios sexistas sobre a súa aperencia física, explicou o avogado Javier Picallo

Cumpre lembrar que tres xogadoras do clube de fútbol sala pontevedrés denunciaron en outubro de 2014 perante a Audiencia Provincial de Pontevedra teren sufrido un tratamento "denigrante" e "vexatorio" por parte do presidente do Leis 16. Na demanda presentada a defensa asegura que Nieto San Juan "buscaba escusas para quedar a soas coas xogadoras", instábaas "a probar camisolas" e proferíalles comentarios sexistas sobre a súa aperencia física, explicou o avogado Javier Picallo nunha reportaxe publicada por Sermos Galiza no mes de decembro

Estas situacións prolongáronse durante 15 meses e extendéronse ao ámbito privado, máis alá do clube. Neste senso, unha das mulleres, de 19 anos foi "humillada" nun local de copas pontevedrés onde o presidente do clube lle tirou "un preservativo" cando esta se atopaba de festa. Nieto San Juan acudira ao estabelecemento acompañado polos xogadores da equipa masculina e achegouse a ela con "chulería". 

Mais non só. A outra das xogadoras, menor de idade, "pediulle fotos en bikini" através do Whatsapp e mesmo partillou con ela "imaxes pronográficas" através da aplicación de telefonía móbil. Aliás, nunha viaxe deportiva a Canarias chegou a lles afirmar que "no fútbol sala ou sodes todas putas ou lesbianas".