Sanidade

Denuncian o mal estado do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo: "Non pedimos milagres"

Unha parte do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo (Foto: Plataforma Sanidade Pública Sanxenxo).
Distintas asociacións, plataformas, veciños e veciñas “levamos anos reivindicando que se cubran as baixas ou ausencias do persoal dos nosos centros, así como que se leve a cabo un correcto mantemento das instalacións”.

“Desde a Plataforma Sanidade Pública Sanxenxo estamos indignadas coas declaracións do Sr. Flores (Xerente da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés), pois nin mentimos nin pedimos milagres”.

Así comeza o comunicado da Plataforma Sanidade Pública Sanxenxo ao que tivo acceso Nós Diario sobre as palabras do propio José Flores que en declaracións pasadas acusaba esta plataforma de “pedir milagres”.

Distintas asociacións, plataformas, veciños e veciñas “levamos anos reivindicando que se cubran as baixas ou ausencias do persoal dos nosos centros, así como que se leve a cabo un correcto mantemento das instalacións”.

Por outra parte, inciden que “as persoas non imos aos centros de saúde por gusto e, debido ás grandes listas de espera, e á ausencia de persoal, hai moitas persoas que están chegando con problemas moi serios e con estadíos de enfermidades moi avanzadas por non ter a atención sanitaria cando comezan cos primeiros síntomas”.

Listas de espera

“Tampouco é certo iso de que as listas de espera para especialistas son longas porque non hai profesionais que non queren traballar. O que queren é ter un traballo digno e prefiren ir traballar onde llo garantan”, acrecentan.

Por outra parte aseguran que están a ver “como o noso centro de saúde de Baltar sigue con goteiras, cando non é nun sitio é noutro, o que demostra unha total e absoluta deixadez á hora de acometer traballos de mantemento, e para manternos caladas ano tras ano prometen ampliacións do centro de saúde que nin sequera se reflexan nos orzamentos do Parlamento da Galiza. As mentiras é o que teñen: patas moi curtas”.