A Mesa galega de ensino no rural exixe un plan de desenvolvemento para o futuro destas escolas

A Mesa galega de ensino no rural conta co apoio de BNG, AGE, PSOE e Grupo Mixto mais chama ao conxunto da sociedade a defender a educación nos espazos rurais. 

 

Após os retallamentos orzamentarios, a supresión do programa Preescolar na Casa, o fechamento de unidades escolares e os cortes no profesorado, desde a Mesa galega de ensino no rural encetan unha campaña para frear, din, "o desmantelamento do ensino, cada vez menos público". Mais, no concreto, a súa tarefa está focada nun dos eidos educativos ao que máis estás a atinxir as mudanzas políticas e económicas: as escolas do rural. 

Con este obxecto procuraron, o pasado mes de xuño, apoios entre os grupos parlamentares da oposición, cos que din, "partillan a preocupación" pola "asfixia" que padece o ensino nos espazos rurais e instaron o Parlamento de Galiza a constituír unha Comisión especial non permanente para o estudo e procura de solucións.

Os seus obxectivos, explican nun comunicado conxunto, eran estudar a realidade da educación no rural e facer unha diagnose mais tamén a descrición daquelas propostas para "a adaptación do ensino no rural ás súas necesidades, necesidades e potencialidades". 

Na solicitude presentada á Mesa do Parlamento as tres forzas políticas (BNG, AGE, PSdeG-PSOE) e máis a deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, aseguran que "resulta prioritario unha nova política educativa para o rural" integrada, din, "no proxecto global de desenvolvemento comunitario" e que sexa "froito dun estudo serio e rigoroso sobre as alternativas posíbeis". 

O grupo maioritario da Cámara --o PP-- rexeitou crear unha Comisión especial para procurar solucións ao desmantelamento do ensino no rural do país

O PP rexeita a proposta

Porén, o grupo maioritario da Cámara rexeitou o 12 de xuño a creación desta comisión embora en anteriores lexislaturas tiver existido. Aliás, o goberno galego declinou reunirse, através do concelleiro de Educación, Jesús Vázquez, coa Mesa galega de ensino no rural, un feito que tildan de "inaceptábel". 

Perante a actitude do Partido Popular e da Xunta de Galiza, desde a Mesa galega de ensino no rural e as forzas da oposición lanzan un chamamento público "a todas as asociacións, entidades, partidos políticos, organizacións sindicais e persoas interesadas na defensa da calidade do ensino público, nomeadamente no rural, a estaren vixiantes". 

O pasado ano, este colectivo social xa desenvolveu unha forte campaña a prol da educación nos espazos rurais e contra o desmantelamento do ensino no interior do país.