Exixen perante o Goberno español que os antidisturbios vaian identificados nos actos da Patria

Esculca remítelle unha misiva ao delegado do Executivo central no noso país, Samuel Juárez, para lembrar a obriga regulamentar dos axentes da policía española e da garda civil de se identificaren, e arremeten contra as actuacións "coercitivas e nidiamente afastadas da proporcionalidade"

A devaliada situación dos dereitos e libertades na Galiza fan do noso país "un estado de dereito de baixa intensidade". Ante o retroceso que tanto o noso territorio como o conxunto do estado sofren no que atinxe ao exercicio dos dereitos e liberdades da cidadanía e na véspera do Día da Patria galega, o observatorio Esculca comunicou máis unha vez ao Goberno español a súa fonda preocupación polo proceder da policía, nomeadamente das unidades antidisturbios.

Así as cousas, desde Esculca fan partícipe máis unha vez ao Delegado do Goberno central na Galiza, Samuel Juárez, das informacións que a respecto das súas competenzas se xeneran no país. Desta volta, explícanlle que desde xaneiro de 2011 o observatorio documentou "as limitacións de que é obxecto o exercicio do dereito de reunión e manifestación".

Nese período "constamos que as subdelegacións procederon a prohibir manifestacións amparándose en óbices legais puramente formais e ignorando interesadamente a xurisprudencia que califica o dereito de manifestación como un dereito de configuración constitucional e non legal. Constatamos tamén que se produciron actuacións policiais coercitivas --nomeadamente cargas policiais-- nidiamente afastadas do principio de proporcionalidade", alertan desde Esculca, e sinalan tamén que documentaron "o xeralizado e doloso" incumprimento da obriga regulamentar de identificación d@s axentes da policía española e da garda civil que en cada caso actuaron.

A respecto desta última cuestión, xa informara o observatorio por escrito a Juárez de que a Oficina de la Defensoría del Pueblo emitira unha recomendación en prol de adopataren medidas para garantir o cumprimento do dereito cidadán de identificar á policía, incluidos expresamente os membros das unidades antidisturbios. Demandan logo que a Delegación emita ordes de servizo destinada a que tal identificación se faga efectiva nas mobilizacións convocadas para o serán do 24 e o mediodía do 25, con motivo dos festexos da Patria. "Non é este, señor Delegado do Goberno, o momento de deitar gasolina ás chamas, senón de extremar a mesura na adopción de medidas restritivas de dereitos civís", subliña na súa misiva Fernando Blanco Arce, presidente de Esculca.