Exixen máis mantemento nas liñas tras outro descarrilamento en Lalín

Accidente tren en Lalín (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
O segundo accidente de tren nunha semana na mesma zona, entre Lalín e Silleda, reabriu o debate sobre a falta de mantemento destas liñas ferroviarias. Desde a CXT demandan máis equipos da mesma maneira que xa traballan nas liñas do Eixo Atlántico.  

A liña de tren que une Santiago con Ourense segue ligada á sinistralidade ferroviaria. Un tren de transporte de mercadorías non perigosas descarrilou esta segunda feira tras atoparse cun derrubamento sobre a vía e acabou chocando contra o piar dunha ponte. O maquinista resultou ferido de carácter leve e ao fechamento desta edición atopábase no hospital “ben”, segundo fontes de Renfe

O suceso produciuse pasadas as nove da mañá. En concreto, sobre as 9.15 horas, desde o Centro de Seguridade de Adif informábase ao 112 de que un tren de mercadorías sufrira un accidente nas proximidades de Lalín, en sentido Ourense.

O maquinista do convoi permaneceu consciente en todo momento e desde os servizos de emerxencias indicáronlle que non abandonase a cabina até que chegasen ao lugar. Estaba, con todo, segundo o 112, afectado ao sufrir un golpe na cabeza tras o sinistro. 

Tres accidentes graves en tres meses nesa liña

É o segundo accidente grave nunha semana que ocorre na mesma zona desta ruta e o terceiro en tres meses. O pasado 6 de novembro, un incendio calcinaba un dos coches dun tren rexional desta liña e, aínda que sen feridos, obrigou a evacuar os pasaxeiros na estación de Botos (Lalín).

O maquinista detectou un fallo de presión hidráulica, polo que decidiu interromper a viaxe nesa estación e foi nese momento cando tivo lugar o lume. Un total de 52 viaxeiras e viaxeiros foron trasladados en autobús até o seu destino final, incluídos os pasaxeiros que se dispuñan a viaxar a Ourense desde a estación de Lalín

O seguinte accidente tivo lugar o pasado 19 de xaneiro cando descarrilaba un tren de media distancia con 16 persoas que cubría o traxecto entre Ourense e Santiago ao seu paso por Ponte Taboada, entre Lalín e Silleda. O suceso produciuse ás 18.20 horas e tivo lugar ao atoparse o tren con pedras e terra caídas por mor dun desprendemento, o que provocou que, ao pasar, saíra un eixo dun dos vagóns. 

As “liñas esquecidas”

Para o coordinador do sector ferroviario da Confederación Xeral do Traballo (CXT), Juan Sánchez, os últimos incidentes nesta mesma zona son consecuencia de pertencer “ás liñas esquecidas, onde non hai un mantemento preventivo, só aquel mínimo para que circulen os trens". Explica a Nós Diario que despois deste accidente “arranxarán para que continúe a circulación até que volva pasar outra vez”.

Sánchez bota en falta que se faga “un mantemento correctivo, cunhas obras periódicas que percorran a liña” para evitar estes sucesos “despois das choivas que caeron os últimos días”. 

Este sindicalista ten claro que “non pasa o mesmo nas liñas do Eixo Atlántico e nas de alta velocidade”. Sinala que, nestes casos, hai uns equipos específicos de mantemento de infraestruturas de Adif que saen de madrugada antes de que comecen a circular os trens “e percorren toda a liña procedendo a corrixir calquera deficiencia que poidan atopar”. 

Para Sánchez, non é escusa que “a orografía sexa complicada” e sabendo esta circunstancia “debería levar parello un maior número de horas de mantemento desas liñas”, algo que, asegura, "non acontece". Por este motivo reclama  un "esforzo" no investimento en seguridade que estea "proporcionado á orografía e ás condicións climáticas do territorio galego".