Exixen a comparecencia do vicepresidente pola sentenza contra a repotenciación dun parque eólico

O deputado nacionalista Luís Bará no Parlamento. (Foto: Europa Press)
O BNG critica os intentos da Xunta de favorecer as grandes empresas eléctricas e reclama que compareza Conde para explicar a sentenza contraria do TSXG á repotenciación dun parque eólico.

Chega ao Parlamento a sentenza que tombou o intento da Xunta da Galiza por repotenciar un parque eólico sen cumprir co tempo mínimo de exposición pública do informe de impacto ambiental.

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou esta segunda feira unha solicitude de comparecencia urxente do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, para dar conta da decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza con respecto ao parque eólico do Rocudo, no lugar pontecesán de Corme.

O deputado nacionalista Luís Bará definiu como “contundente” o veredicto, que confirma a “vulneración” por parte do Goberno do dereito ambiental da Unión Europea, ao non respectar os 30 días marcados pola normativa e tratar de reducir o prazo para presentar alegacións ambientais a só 15 xornadas.

Segundo sostivo, esta conduta dá boa conta de “até onde está disposta a chegar a Xunta” para favorecer “de forma descarada” os intereses das grandes empresas eléctricas.

“Que máis ten que pasar para que a Xunta poña fin a este atropelo de dereitos?”, preguntouse o deputado, lembrando que hai tres sentenzas do mesmo tribunal que poñen en dúbida a legalidade do desenvolvemento eólico do Executivo que preside Alberto Núñez Feixoo e o Partido Popular, de igual maneira que fixo o Consello da Cultura Galega.

Ao tempo que anunciaba que exixirán explicación, tamén anunciou que o BNG impulsará unha fronte social como “dique de contención”, ampliando a denuncia perante a Comisión Europea “contra os ataques ao medio ambiente e as persoas”.

Favorecer as empresas á costa das persoas e do territorio

Bará acusou a Xunta de actuar como unha “xestoría” das grandes eléctricas, modificando leis para “favorecelas, eliminar os prazos e reducir as garantías de control e supervisión por parte da Administración”.

Na rolda de prensa tamén cuestionou o intento do gabinete de modificar a Lei de áreas empresariais para dar prioridade aos polígonos eólicos que dediquen o 50% da electricidade á industria con contratos fixos a longo prazo, que cualificou como “unha patente de corso” para “burlar” a planificación feita por ese mesmo Goberno.