Éxito de participación no ‘I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual’

Imaxe promocional do certame. (Ilustración: Álex Rozados)

Máis dun cento de traballos presentados a esta iniciativa, convocada con motivo da celebración do Orgullo da Diversidade sexual, Lugo Diversx 2020, por 'Nós Diario', en colaboración coas asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo.

A acollida do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual superou todas as expectativas. Máis dun cento de traballos foron presentados dentro do prazo, aberto o 23 de setembro e que finalizou ás 23.59 horas do día 23 de outubro de 2020. 

Diversidade é unha palabra que conta con múltiples acepcións no dicionario. Tamén hai multitude de formas de vivila e de celebrala. Por iso, Nós Diario, en colaboración coa Asociación Arelas, coa Asociación Avante LGTBI+ LugoO, coa Asociación Sete Outeiros e a Rede Museística Provincial de Lugo, desenvolveu este I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual, que se enmarca no programa 'Lugo Diversx'.

Validación e fallo do xurado

Fechada a recepción de traballos o 23 de outubro, entre ese día e o 6 de novembro as persoas participantes recibirán comunicación da aceptación do traballo –logo da verificación de que se axusta ás bases- e o fallo do xurado terá lugar o 22 de novembro.

Premio e publicación

Dotado con 250 euros para o traballo gañador e con 150 para o segundo -ademais da publicación de ambos tanto na versión en papel como na dixital de Nós Diario-, no concurso puideron participar tanto ­persoas maiores de idade como menores con autorización expresa de quen posúa a custodia legal, a cal pode descargarse aquí, ao igual que as bases.

Colectivo

Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, valoraba “moi positivamente” esta iniciativa,  apontando que “os medios de comunicación xogan un papel moi importante nesa normalización plena da diversidade sexual da que falabamos ao comezo”.

A asociación Arela, en boca de Cristina Palacios explicaba na presentación do certame para Nós Diario que este concurso representa "outra forma de entender o Orgullo, que se prolonga durante todo o ano e ten unha óptica máis próxima ao debate e á reflexión que á festividade".

Tamén LGTBI+ Lugo e Asociación Sete Outeiros quixeron "apoiar e axudar a levar a cabo" este certame, complementario doutras iniciativas e actuacións que levan a cabo.