Existe a igualdade na Igrexa Católica?: "Non podemos seguir fóra dos círculos de poder"

Integrantes da Asociación Mulleres Cristiás Galegas-Exeria (Foto: Europa Press)

A asociación galega Exeria leva case 30 anos loitando contra unha Igrexa patriarcal: “Noutros ámbitos existe igualdade polo menos no papel, aquí non temos nin iso”, aseguran.

A finais da década dos 90 o Papa Xoán Paulo II publicou unha Carta Apostólica na que fechaba a porta "de forma definitiva e irrevogábel" ao sacerdocio feminino; un documento no que se recomendaba "que as nenas non subisen nin ao altar". "Ninguén fixo caso pero o feito de que o dixese foi un chispazo. Aí as mulleres dixeron: Temos que facer algo".

Así o relata Marisa Vidal, teóloga feminista e presidenta da Asociación Mulleres Cristiás Galegas-Exeria, o nacemento en 1996 dunha asociación "circular e participativa", formada por -tal e como elas mesmas se defínen- "mulleres católicas, galegas e feministas" que buscan a igualdade no seo da Igrexa.

"Si, somos feministas, loitamos polos nosos dereitos. Noutros estamentos polo menos a igualdade está sobre o papel, aínda que logo as cousas non sexan tan fáciles, pero na Igrexa, non temos nin iso", afirma Elvira Santos, tesoureira da asociación.

O feminismo, "aínda sen pórlle esa palabra", sempre estivo presente na vida de Santos, a primeira muller na Coruña nunha clase de Profesor Mercantil ("unha profesión que xa non existe"), que a finais dos anos 60 sacou praza para traballar na Xunta de Porto de Marín e que foi testemuña dos ataques "machistas" por parte de xefes e compañeiros á primeira directora xeral do Ministerio. "Todo iso foi, dentro de min, removéndome”, conta. Con esa axitación, e cos períodos de formación que organizaban as mulleres cristiás galegas, empezou a "facer unha reflexión profunda, a atopar resposta a esas inquietudes".

Para Vidal houbo "diferentes malestares". "Levo na Igrexa toda a vida e cando che dicían, 'ti aí quieta', molestaba. Pero descubrir a teoloxía feminista foi a chave. Lembro un encontro en 2001 no Monte do Gozo (Santiago de Compostela) con 350 mulleres, falando de cristoloxía feminista e pensar: isto era", asegura.

Contra o clericalismo

Ambas sinalan que non se trata, "como moitos pensan", de que queiran "ser curas". "Non. Queremos ser o que queiramos ser", declara a tesoureira, que asegura que a Igrexa xa non pode deixar fóra dos estamentos de poder á muller.

O cambio, inciden, debe empezar pola propia liturxia. "Non pensamos igual agora que hai varios séculos. Hai que revisar os textos bíblicos, non para corrixilos, senón para actualizalos", sinala Santos, quen vai máis alá instando a "aclarar esa imaxe dun Deus tan masculino e poderoso" e buscar caras máis plurais.