Mostrar, lucir, brasonar e reivindicar: chamados a visibilizar bandeiras da Patria por toda Galiza co gallo do 25-X

Despregamento este 4 de xullo da bandeira da Patria no Orzán, na Coruña (Foto: Nós Diario)

Organizacións e colectivos convocan a pendurar a bandeira de xanelas e varandas e mesmo hai organizada unha ‘caravana pola estreleira’.

A bandeira da Patria agroma en diferentes puntos da Galiza a medida que se vai achegando o 25 de Xullo. Este ano, ademais, hai unha especial intensidade nos chamamentos a lucir a bandeira da Patria, quizás para contrarrestar  o aumento de simboloxía española que desde hai meses se dá en Galiza e noutros territorios do Estado.

O BNG fixo esta quinta feira desde A Coruña un chamamento ao conxunto da sociedade a pendurar a bandeira galega de xanelas e balcóns coincidindo coa semana do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para celebrar e sentir “o orgullo do que somos e de pertencer a esta nación”.

Así o explicou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, nun acto no que tamén participaron a deputada Noa Presas, o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e a concelleira Avia Veira, e no que realizaron unha colocación simbólica da insignia nun inmoble da Coruña, cidade na que se pendurou por primeira vez a bandeira galega nunha institución, concretamente no Concello, hai xusto 100 anos.   

“Temos unha oportunidade enorme todas as galegas e todos os galegos este 25 de Xullo de celebrar que somos unha nación, un pobo no mundo, orgullosas de sermos galegas e galegos, que é a forma na que nós estamos no planeta”, asegurou Rodil.

Tamén esta semana a plataforma Vía Galega fixo un chamamento a exhibir a simboloxía da Galiza en xanelas, varandas e galerías durante esta semana.

Caravana

O colectivo Estreleira , pola súa banda, anuncia unha “caravana de estreleiras” o propio día 25 até Compostela. Con saída desde a Casa do Concello de Oroso ás 10 horas.

“Nom escolhemos por acaso esta localizaçom: pois aliás de estar perto de Compostela e ser de fácil acesso, na Ponte de Sigueiro tivo lugar umha das batalhas da revoluçom galega de 1846, momento fundacional da nossa luita contemporánea de libertaçom nacional. Exibiremos alguns dos nossos símbolos nacionais senlheiros em grande formato, e a continuaçom arrancaremos em carro para a capital num acto de celebraçom, irmandade e resistência”.