Saúde

A que hora é máis recomendábel practicar deporte?

O exercicio matutino é máis efectivo nas mulleres que nos homes para previr doenzas cardiovasculares. (Foto: Syda)
Un estudo do que participaron máis de 86.000 persoas durante oito anos analiza en que momento do día resulta máis beneficiosa a actividade física, algo que pode aumentar a prevención contra doenzas cardíacas.

Está xa máis que demostrado que o exercicio é bo para a saúde do corazón, mais aínda existe controversia sobre cal é o mellor momento do día para practicar deporte. Esta dúbida conseguiu despexala recentemente o persoal investigador do Centro Médico da Universidade de Leiden (Países Baixos), que vén de publicar as súas principais conclusións na revista European Journal of Preventive Cardiology, editada pola Sociedade Europea de Cardioloxía.

A principal conclusión é que a actividade física matutina está asociada co risco máis baixo de enfermidade cardíaca e accidente cerebrovascular, segundo o estudo realizado en máis de 85.000 persoas. É importante precisar que os achados foron consistentes independentemente da cantidade total de actividade diaria e, ademais, foron particularmente pronunciados nas mulleres e aplicáronse tanto ás persoas madrugadoras como ás noctámbulas.

O estudo utilizou datos do Biobanco do Reino Unido e incluíu 86.657 mulleres e homes adultos, de 42 a 78 anos, que non padecían enfermidades cardiovasculares ao comezo do estudo. A idade media foi de 62 anos e 58% eran mulleres.

As persoas participantes portaron un rastrexador de actividade no pulso durante sete días consecutivos, e foron sometidas a seguimento por enfermidade cardiovascular incidente durante entre seis e oito anos. Neste tempo, 2.911 participantes desenvolveron enfermidade arterial coronaria e 796 sufriron un accidente cerebrovascular. Ao comparar as horas pico de actividade nun período de 24 horas, estar máis activo entre as 8 e as 11 horas vinculouse cos riscos máis baixos de enfermidade cardíaca e accidente cerebrovascular.

Nunha segunda análise, o persoal investigador dividiu as e os participantes en catro grupos segundo a hora pico de actividade física: mediodía, cedo na mañá (8 horas), tarde na mañá (10 horas) e tarde (19 horas). As categorías seleccionáronse de acordo cos momentos pico de actividade na poboación de estudo, no canto de predeterminarse antes de que comezase o estudo.

As asociacións entre o momento pico de actividade e a incidencia de enfermidade cardiovascular analizáronse utilizando o mediodía como grupo de referencia. Após axustar por idade e sexo, os participantes que eran máis activos cedo na mañá ou ao remate da mañá tiñan 11% e 16% menos de risco de enfermidade arterial coronaria incidente, respectivamente, en comparanza co grupo de referencia.

Aliás, aqueles que eran máis activos ao final da mañá tiñan 17% menos de risco de accidente cerebrovascular incidente en comparación co grupo de referencia. Os achados foron consistentes independentemente da cantidade total de actividade diaria e de se os participantes se describían a si mesmos como persoas matutinas ou vespertinas.

Cando os resultados foron analizados por separado segundo o sexo, os investigadores acharon que os resultados eran particularmente prominentes nas mulleres pero xa non eran significativos nos homes. As mulleres que eran máis activas cedo na mañá ou ao final da mañá tiñan 22% e 24% menos de risco de enfermidade arterial coronaria incidente, respectivamente, en comparación co grupo de referencia. E as mulleres que eran máis activas ao final da mañá tiñan 35% menos de risco de accidente cerebrovascular incidente en comparación co grupo de referencia.

"Este foi un estudo observacional e, por tanto, non podemos explicar por que as asociacións foron máis marcadas nas mulleres. Os nosos achados súmanse á evidencia sobre os beneficios para a saúde da actividade física ao suxerir que a actividade matutina, e especialmente ao final da mañá, pode ser a máis vantaxosa", sinala a autora do estudo, Gali Albalak, do Centro Médico da Universidade de Leiden.

Aínda é "demasiado cedo para un consello formal que priorice o exercicio matutino", defendeu, "xa que este é un campo de investigación bastante novo". "Pero esperamos que algún día poidamos refinar as recomendacións actuais simplemente agregando unha liña: 'Ao facer exercicio, recoméndase facelo pola mañá'", concluíu.