Exclúen a CIG do debate da lei universitaria

O ministro de Universidades, Manuel Castells, presentando a lei. (Foto: M. Fernández.Pool / Europa Press)
O Ministerio dirixido por Castells incumpre a Lei de liberdade sindical deixando fóra a CIG das xuntanzas sobre a nova Lei orgánica do sistema universitario.

“Un desplante á lei, ás formas e ao persoal docente e investigador que decidiu cos seus votos que a Confederación Intersindical Galega (CIG) sexa o primeiro sindicato no sistema universitario galego”, así cualificou Suso Bermello, secretario nacional da federación de ensino da forza sindical, a exclusión que están a padecer por parte do Ministerio de Universidades nos debates chave sobre o proxecto de Lei orgánica do sistema universitario (LOSU).

Isto levou o sindicato a enviar un escrito reclamando unha rectificación por parte do titular do Ministerio, Manuel Castell (Unidas Podemos), no que recorda que é a organización máis representativa con arranxo á Lei de liberdade sindical, o que leva a CIG-Ensino a formar parte de todas as mesas de negociación a nivel estatal, desde a de Administracións Públicas até a de Educación, e, “cando se facían as cousas de xeito correcto e se constituían formalmente, tamén da de Universidade”, inciden.

“Nunca foi peor a desconsideración ao noso sindicato”, explica Bermello, que cuestiona o suposto progresismo do Ministerio e solicita que se cumpra a lei.

Tamén relata que nin sequera cos gobernos do Partido Popular recibiran un “trato tan discriminatorio”.

Esta diferenza de trato, describe a CIG, iniciouse xa durante as convocatorias para comezar a desenvolver o anteproxecto de Lei, até o punto de que tiveron que pórse en contacto con Universidades en maio deste ano para trasladar o seu malestar por non ser convocados a unha serie de reunións con outros actores que xa foran anunciadas en febreiro.

Logo de ter esa xuntanza en xuño, o 21 de setembro a CIG participa xunta CCOO, UGT e CSIF nun encontro xa co anteproxecto da LOSU publicado, unha semana antes doutra xuntanza sobre o goberno dos centros con territorios e sindicatos.

Xustificación

Cando a CIG percibiu que non serían convocadas, dirixiuse ao Ministerio, que recoñeceu a exclusión e xustificouna na “axilidade da reunión”, que se vería interferida pola presenza de catro representantes sindicais e non tres, como aconteceu.

Hoxe mesmo, denuncia a CIG, decorreu unha reunión sobre os efectos no persoal docente e investigador do texto, na que a Administración rexeitou sequera comunicarse de maneira oficial co sindicato, limitándose a sinalar verbalmente que non serían convocadas.