Paulo Carril: "Se non hai unha reversión das políticas actuais, a folga xeral é inevitábel”

Paulo Carril (1973) foi reeleito esta fin de semana no VIII Congreso da CIG como secretario xeral da central nacionalista. Carril pon en valor o "feito histórico" de ser a CIG primeira forza sindical e fixa como obxectivos para os vindeiros anos avanzar cara á "hexemonía social" e "reforzar o soberanismo". 
Paulo carril Arxina-min
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Foto: Arxina).

Primeiro congreso da CIG co sindicalismo nacionalista como primeira forza sindical na Galiza. Como se chegou até aquí?

É un resultado histórico, consecuencia da acumulación do traballo e loita do sindicalismo nacionalismo nos seus seus 50 anos de existencia. É produto da suma do esforzo, o traballo e o sacrificio de miles e miles de traballadores e traballadoras. 

Aquí hai un sindicalismo que xa na súa partida de nacemento t-ña claro que ía ser combativo, de contrapoder, participativo, que entende que é na capacidade de organización  da clase traballadora, e no conflito e nas propostas onde se avanza. Imaxino que aos que comezaron a crear o sindicalismo nacionalista e de clase hai 50 anos pareceríalles daquela incríbel pensar daquela que seriamos primeira forza.

“Reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte eficazmente á crise”

Con que claves e obxectivos para os vindeiros 4 anos sae a CIG deste VIII Congreso?

Hai 3 obxectivos fundamentais para nós. Un deles é o de consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical. E iso nun contexto no que nin poder político nin poder económico están dispostos a recoñecernos como primeira forza. 

O segundo é reforzarnos como sindicato de clase cunha mellor organización e formación, como central combativa, mais tamén con capacidade de proposta. 

O terceiro é avanzar no compromiso soberanista. A ofensiva do capital aquí maniféstase con máis recentralización e españolismo e temos claro que ou avanzamos na capacidade de decidir, e polo tanto poñemos fin á dependencia, ou non se avanza na dignificación das condicións de traballo. Reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte eficazmente á crise.

Na clausura falaba da necesidade de ir a “un salto cualitativo na resposta a dar”. A que se refire?

Estamos perante uns meses que van ser decisivos. Tal e como se está consumando a crise, que causa unha situación de emerxencia social e nacional, por exemplo, co avanzo da crise industrial en sectores claves; obríganos a avaliar. Ou hai polos Gobernos un programa de reactivación económica, de industrialización, de aposta nos servizos públicos ou non hai saída. Ademais, estamos a ver que non se está pola derrogación  da reforma laboral e das pensións, que non se está por repoñer dereitos.

“Hai unha reestruturación do capital e nela Galiza seguirá a ter un papel dependente”

Por iso, se nestes meses vemos que non hai unha vontade de  cambio de política, senón unha simple actualización e reformas ligadas ás exixencias da UE, debemos abrir a reflexión de ir a unha folga xeral. Non pode ser que os meses pasen, a crise avance e os Gobernos non adopten as políticas necesarias.

Fala de Folga Xeral, estamos perante un horizonte ou un paso que xa se está a concretar

Os próximos meses van ser decisivos. A proposta de resolución aprobada no Congreso di que o Consello Confederal da CIG será quen acorde no momento oportuno dar este paso en función de como avance a resolución da crise en base a estas 2 reivindicacións: plan de recuperación económica, reindustrialización e aposta nos servizos públicos; ademais da derrogación de reformas laborais. 

Este proceso está en marcha, se non hai unha reversión desas políticas... a folga xeral é inevitábel. En que datas? Están en función da evolución dos acontecementos. Non hai unha data agora. O que decidimos é que hai que ter esa resposta presente porque parece que co que se fai non é abondo para cambiar as políticas dos Gobernos e ao mellor termos que formular dar un salto.

A CIG, como sindicato, tamén reitera a súa participación en iniciativas e plataformas que van alén do que moitos poden entender estritamente ‘laboral’, como son as existentes fronte á “desfeita eólica”, ou contra a eucaliptización, na defensa do idioma...

Un dos obxectivos deste Congreso era reafirmar o compromiso coa soberanía e o movemento nacionalista galego. Nós somos o resultado da autoorganización da clase traballadora que se liga a unha realidade como é a de sermos unha nación sen dereitos nin capacidade de decidir sobre os seus propios recursos e iso eiva o desenvolvemento social e económico.

“Os que iniciaron o sindicalismo nacionalista pareceríalles daquela incríbel chegar até aquí, ser primeira forza”

Temos moi presentes as diferentes loitas. Cando dicimos que somos o primeiro sindicato non nos referimos só a representación, senón tamén á que o somos en mobilización e nunhas coordenadas que pivotan en loitar por unha Galiza con dereitos, onde se poida traballar e vivir dignamente. E iso implica ser solidario, activo e partillar nas diferentes loitas que se dan polo pobo galego. 

É máis difícil facer sindicalismo a pé nos centros de traballo hoxe que hai 30 anos?

O movemento obreiro nunca o tivo fácil mais é certo que agora vivimos unha situación con presenza de moitas compoñentes que dificultan facer sindicalismo, desde cambios na estrutura económica até novas fórmulas laborais, precariedade, rotación enorme, emigración.. Estamos nun momento crítico porque tamén hai un elemento que é o desprestixio que o diálogo social trae sobre o conxunto do sindicalismo, e que resta credibilidade mesmo ás organizacións sindicais que non están nesa liña. Ese papel que fan CCOO e UXT e que mediaticamente se presenta como se ese fose o único sindicalismo posíbel... Ao final, hai que estar nos centros de traballo dando  a cara e aí é onde se di  a última palabra.

Comentarios