Os exames de recuperación na ESO suprímense desde este curso

O alumnado de Secundaria poderá pasar de curso con até dúas materias suspensas (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Aliás, todos os centros de ensino terán un "coordinador de benestar".

Malia que a ministra de Educación e FP, Pilar Alegría, asegurara nun primeiro momento que deixaría en mans dos Gobernos territoriais a decisión de suprimir ou manter os exames de recuperación en Secundaria no presente curso —e pospola para o 2022-23—, finalmente optou por facer a nova norma efectiva desde este mesmo ano escolar.

O Consello de Ministras aproba nesta terza feira o proxecto de real decreto polo que se regula a avaliación, promoción e titulación na Educación Primaria, Secundaria (ESO), Bacharelato e Formación Profesional (FP), un documento que elimina as probas de carácter extraordinario na ESO con carácter inmediato, após ditaminar o Consello de Estado que permitir escoller a cada territorio "xeraría desigualdades".

Deste modo, o alumnado de Secundaria pasará de curso cando o equipo docente considere que a natureza das materias suspensas permítelle "seguir con éxito o curso seguinte con expectativas favorábeis de recuperación", e que dita promoción "beneficiará a súa evolución académica".

O profesorado, polo tanto, terá a última palabra para obrigar un alumno a repetir un curso ou permitir que acceda ao seguinte. Porén, só poderá ter avaliacións negativas nunha ou dúas materias.

Promoción no Bacharelato

No que atinxe á avaliación no Bacharelato, esta será "continua e diferenciada segundo as distintas materias", e o estudantado pasará de primeiro a segundo cando superase todas as materias ou, do mesmo modo que na ESO, suspendese un máximo de dúas.

Para obter o título de Bacharelato precisarase da avaliación positiva en todas as materias, mais o equipo docente poderá permitir, en casos excepcionais, a superación do ciclo educativo cun suspenso. Para iso, o alumno ou alumna deberá ter alcanzado os obxectivos e competencias vencellados ao título, non ter faltado ás aulas de forma "continuada e non xustificada", que se presentase a todos os exames e que a media de todas as cualificacións sexa igual ou superior a 5.

Medidas contra a violencia

Por outra banda, o Ministerio de Dereitos Sociais e os gobernos territoriais acordaron onte garantir que as figuras do "coordinador do benestar infantil" e do "delegado de protección" estean "plenamente operativas" durante o vindeiro curso 2022-23.

O cometido destas persoas será exercer de "figuras de referencia" para a prevención e protección fronte á violencia no eido educativo, no lecer e no deporte. Todos os centros de ensino —públicos, concertados e privados— deberán contar con ambos os perfís.

Aliás, no primeiro cuadrimestre de 2022 a Conferencia Sectorial de Educación aprobará un "conxunto de recomendacións comúns, homoxéneas e harmonizadoras" para unha "atención integral, rápida, coordinada e eficiente ás rapazas, rapaces e adolescentes vítimas de delitos violentos", nomeadamente "de natureza sexual, trata ou violencia machista", segundo precisou a ministra competente Ione Belarra.

A Conferencia, na que están representados o Goberno estatal e as consellarías de Educación, tamén creará nos primeiros meses do vindeiro ano un catálogo de propostas para mellorar os recursos e canles de denuncia específicos dos abusos a través de internet.