O ex alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, será o decano de Dereito na UDC

O ex rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, nun encontro coa súa sucesora, a socialista Inés Rey. (Foto: Concello da Coruña)
A institución académica fixo pública hoxe a proclamación de candidaturas. No caso do ex rexedor, a súa foi a única proposta para dirixir esta facultade. No terreo político, Ferreiro segue a formar parte na coordinadora da Marea Atlántica.

O ex alcalde da Coruña coa Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, converterase no decano da Faculdade de Dereito da Universidade da Coruña en próximas datas, ao ser a cabeza visíbel da única candidatura que se presentou.

Así o recolle a páxina web da institución académica nun comunicado no que se fai pública a proclamación das candidaturas para as eleccións das direccións dos distintos centros educativos.

Sobre este novo paso, o propio docente indicou a través da súa conta de Twitter: "Toca iniciar unha nova etapa, ao servizo da ⁦UDC, da Universidade pública, da sociedade e do estudantado, na facultade na que estudei e na que teño o pracer de traballar. Grazas polo apoio!"

De Ferreiro sábese que é licenciado en Dereito pola UDC e que, desde que regresou á súa praza na universidade, volve exercer como profesor titular de Dereito Procesual. Aliás, no seu currículo figura o seu cargo como maxistrado suplente da Audiencia Provincial de Lugo.

Nalgunhas das súas últimas entrevistas como rexedor, Ferreiro xa recoñecía que o seu novo obxectivo alonxado da política municipal era seguir a súa traxectoria vinculada á docencia e ao mundo do dereito. Había retos como era traballar para optar á cátedra, e por iso non chegou a tomar posesión da súa acta como concelleiro.

Apartado do foco público

A última nova que transcendera do ex rexedor até o de agora foi que o home que o tivera ameazado por Twitter era condeado a nove meses de prisión. No entanto, a súa fora unha retirada a medias porque no 2019 entrara a facer parte na coordinadora do partido -na que continúa como responsábel de Confluencia e Cohesión- que o levara a dirixir unha das principais cidades da Galiza.

Foi en 2015 cando, case por sorpresa, os resultados electorais permitiron que a Marea entrase no Pazo de María Pita. Porén, o seu foi un mandato algo convulso polas leas con outras administracións públicas. Malia que a cidadanía quedou cunha boa imaxe del, houbo moitos proxectos que non puideron saír adiante polos enfrontamentos coa Xunta do PP, a Autoridade Portuaria da Coruña ou colectivos locais como as e os comerciantes de proximidade.