violencia machista

Evoluciona favorabelmente a muller ferida con arma branca pola súa parella na Coruña

Hospital Universitario da Coruña. (Foto: Google)
O home segue detido á espera de pasar a disposición dos xulgados.

A muller ferida con arma branca pola súa parella na Coruña continúa esta terza feira ingresada en planta e evoluciona favorabelmente, segundo informaron fontes do Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). A detención do home, no que supón un novo caso de violencia machista na Galiza, produciuse sobre as 11 horas da segunda feira despois de que varias patrullas policiais acudisen ao número 3 da rúa Tornos tras recibir a alerta deste episodio.

O home foi detido pola Policía Local por agresión con arma branca á súa parella no abdome, que puido saír polo seu propio pé do lugar. O persoal sanitario do 061 trasladouna ao Chuac, onde recibiu atención médica ao momento. Ao lugar, desprazouse unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria.

Da investigación fíxose cargo a Unidade de Familia e Atención á Muller da Policía Nacional. Mentres, o home segue detido á espera de pasar a disposición dos xulgados, precisaron fontes do Corpo Nacional de Policía.