En prognóstico reservado a muller ferida con arma branca pola súa parella na Coruña

A agresión produciuse no número 3 da rúa Tornos da Coruña. (Foto: Google)
A vítima puido saír polo seu propio pé do lugar, se ben está hospitalizada.

Axentes da Policía Local detiveron esta segunda feira na Coruña un home por agredir con arma branca a súa parella, segundo informaron fontes policiais citadas pola axencia Europa Press. Arredor das 11 horas, varias patrullas policiais desprazáronse até o número 3 da rúa Tornos por un episodio denunciado de violencia de xénero.

Un home foi detido pola Policía Local por agresión con arma branca á súa parella, que puido saír polo seu propio pé do lugar. Desde o 061 confirmaron que foi trasladada ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Até o lugar, trasladouse unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria, precisaron desde Urxencias Sanitarias sobre a súa actuación. Da investigación fíxose agora cargo a Unidade de Familia e Atención á Muller da Policía Nacional.

A muller continúa ingresada no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) en prognóstico reservado. Así o informaron a Europa Press fontes hospitalarias, que precisaron que presenta unha ferida de arma branca no abdome e que se atopa ingresada en observación en Urxencias.