A incidencia acumulada dispárase entre a poboación de 12 a 29 anos

A evolución da pandemia preocupa ás persoas expertas

Gráfica que reflicte a evolución dos casos activos e os novos contaxios tras o decaemento do estado de alarma (Infografía: Nós Diario).
Sanidade sitúa no nivel alto de restricións Cambados, A Illa, Vilanova, Vilagarcía e Sarria, e outros dez concellos no nivel medio. Aliás, intensificará os cribados na franxa de idade de 18 a 35 anos e instará os concellos a precintar os espazos que están a ser utilizados para prácticas de risco coma o botellón.

A Galiza xa non se atopa nunha situación epidemiolóxica estábel, senón todo o contrario: o crecente incremento de casos da Covid-19 preocupa ás autoridades sanitarias. Esa foi a principal mensaxe que transmitiu nesta cuarta feira en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, após o encontro mantido na tarde da terza feira co Comité Clínico.

"Non tiñamos pensado dar pasos atrás na desescalada, mais a situación obríganos porque este é o risco que ten, malia avanzarmos con prudencia", salientou. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, puxo o foco en que todos os indicadores da pandemia "manifestan un incremento substancial".

Así, a incidencia acumulada a 7 días no conxunto do país duplicouse en comparanza coa pasada semana: 62 casos por cada 100.000 habitantes fronte a 32. O mesmo acontece coa incidencia a 14 días, que pasa de 54 a 98.

Os casos activos medran por décimo cuarto día consecutivo até situarse en 2.917 (279 máis que na xornada anterior), ao tempo que a Galiza rexistra a maior cifra de novos contaxios desde febreiro, 367 (+132). A taxa de positividade, aliás, repunta a 6,8%, por riba do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a transmisión do coronavirus. Ningunha área sanitaria ten unha positividade inferior a 3%.

E os pasamentos ascenden a 2.438 desde o inicio da pandemia após notificar Sanidade un novo óbito.

Pola contra, as hospitalizacións si se manteñen en números estábeis, con 46 doentes en planta (-1) e 12 nas unidades de críticos (sen cambios), mais boa parte deles de idades temperás: "As persoas máis novas tamén se contaxian e requiren ingreso", advertiu García Comesaña, Na UCI hai dous pacientes de 30 e 38 anos, e en unidades convencionais persoas de 29 a 34.

O foco, na mocidade

Precisamente as e os menores de 30 anos son o colectivo que mantén en alerta as persoas expertas. A incidencia acumulada (IA) a 14 días entre os 12 e os 19 anos é de 294 casos, e de 293 de 20 a 29 anos. Porén, as persoas maiores de 70, o colectivo que máis preocupaba até que principiou a campaña de vacinación, rexistra a día de hoxe unha IA de apenas 18 casos.

En consecuencia, o comité acordou incrementar os cribados na franxa de idade comprendida entre os 18 e os 35 anos. Alén das citacións por SMS, tamén se disporán puntos de toma de mostras sen cita previa, e en todos os concellos do país hai, cando menos, unha farmacia que realiza probas PCR de balde a quen a solicitan.

Carmen Durán alertou, a este respecto, da baixa participación nos cribados: 46,8% a pasada semana, cando se convocaran 20.000 persoas. Esta semana estase a traballar cunha cifra semellante.

O lecer nocturno, só nos estabelecementos

Sanidade non prevé, polo de agora, decretar un novo toque de recoller ou prohibir o lecer nocturno. De feito, o comité decidiu permitir a súa actividade tamén nos concellos do nivel medio de restricións, coas mesmas exixencias que nos do nivel medio-baixo —fechamento ás 3 horas e 50% de capacidade en interiores— e un requisito adicional: as e os asistentes deberán presentar no local quer un certificado de vacinación completa quer unha proba PCR negativa realizada nas 48 horas previas.

Con todo, o Goberno galego instará os concellos de todo o país a precintaren en horario nocturno praias, parques e outros espazos que están a ser utilizados para o "botellón", unha práctica que, lembrou o conselleiro, xa está prohibida na actualidade.

"O lecer nocturno é seguro e seguiremos a apostar por el", dixo, e fixo un chamamento á mocidade para evitar "concentracións non desexábeis" na vía pública e cuestións que poden incrementar o risco de contaxio como "beber e fumar na rúa ou compartir bebidas".

Mudanzas no nivel de restricións

Así as cousas, Sanidade optou por manter Sarria no nivel alto de restricións e sumar os concellos de Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía de Arousa. Nestes concellos non poderá operar o lecer nocturno, e a hostalaría deberá ficar fechada no interior e atender cunha capacidade máxima de 50% nas terrazas.

Aliás, ficarán no nivel medio Barbadás, Caldas de Reis, Culleredo, Marín, Ourense, Poio, Pontevedra, Redondela, Ribadavia e Salceda de Caselas. Neste nivel a hostalaría pode abrir a 30% no interior e 50% no exterior.

Os restantes concellos permanecerán no chanzo medio-baixo de restricións. As medidas serán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrarán en vigor ás 00 horas do sábado.

A cepa británica comeza a perder predominancia

A circulación da variante Alfa —Reino Unido— reduciuse na Galiza a 62%, con 796 casos confirmados. Gaña forza, pola contra, a cepa Delta, con 187. Outras 112 mostras están en estudo.

Campaña de vacinación

1.330.260 persoas contan xa coa pauta completa da vacina (54,2% da poboación a inmunizar), e un total de 1.748.546 recibiron, cando menos, unha dose (71,2%). Aliás, os concellos de Chandrexa de Queixa, Larouco, Parada de Sil, San Xoán de Río, A Teixeira e Vilar de Barrio son os primeiros en alcanzar a "inmunidade de grupo" —70% da poboación coa pauta completa—.

Evolución do surto das viaxes a Balears

O 'macrosurto' derivado das viaxes de fin de curso a Balears suma xa 215 contaxios, dos que 144 pertencen á área de Pontevedra, 38 á da Coruña, 17 á de Lugo, 12 á de Vigo e catro á de Ourense. Aliás, outras 173 persoas están en corentena por seren consideradas contactos estreitos. E nove rapaces galegos fican illados no hotel Palma Bellver de Mallorca por seren positivos, mais o conselleiro informou de que evolucionan "favorabelmente".