Evacúan 40 mozos e mozas na Pobra do Brollón pola proximidade das lapas

Labores de extinción do lume en Samos. (Foto: Europa Press)
O lume afectou xa 65 hectáreas neste concello.

O incendio rexistrado no concello da Pobra do Brollón, na parroquia de Saa, obrigou a evacuar de maneira preventiva un grupo de 40 mozos e mozas que participaban nun campamento na aldea do Busto, asolagada desde primeira hora da tarde polas lapas.

Porén, o conselleiro de Medio Rural, José González, quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade ás familias da rapazada, e subliñou que, polo de agora, "non hai perigo ningún" para estes.

Neste sentido, o alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda, explicou que este grupo de campistas, procedente de Santiago de Compostela, foi trasladado a un pavillón do concello, no que está previsto que pasen a noite.

"É un día triste para A Pobra", afirmou o rexedor. Lamentou o impacto ambiental deste incendio, así como as perdas económicas ao queimar masas forestais. Por outra parte, valorou que non haxa danos materiais e que non ardese "ningún núcleo de poboación". Agradeceu o traballo dos equipos de extinción e subliñou que agarda que se poida recuperar "certa normalidade".

Nivel 2 de alerta

A primeira hora da tarde, a Consellaría de Medio Rural decretara o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas aos domicilios da aldea do Busto, na parroquia de Saa.

Pasadas ás 16.30 horas, Medio Rural, a través das súas redes sociais, anunciou que o perigo remitira no Busto, pero seguen a manter este nivel de alerta.

Agora mesmo, traballan no control deste incendio 2 técnicos, 2 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e un helicóptero.