A Consellaría de Medio Rural vén de actualizar os datos de terreo afectado polos incendios que permanecen activos a esta hora na Galiza. 1.337 hectáreas calcinadas por lumes que aínda non puideron ser controlados, segundo o último parte de Medio Rural, ás que se suman as 150 arrasadas por incendios xa controlados ou extinguidos, como os de Ribadavia ou Melón.
Folgoso do Courel
Agora mesmo, o principal foco incendiario do país atópase no concello de Folgoso de Courel, onde tres incendios, dos que dous se atopan nas inmediacións de núcleos urbanos, queimaron polo de agora 592 hectáreas. O máis grande deles, na parroquia de Vilamor, suma máis da metade do terreo calcinado, con 300 hectáreas. Ademais, pon en risco a veciñanza do Carballal, polo que se decretou o nivel 2 de alerta.
O segundo dos incendios, tamén en nivel 2 de alerta, é o situado na parroquia de Santalla, no límite de Folgoso do Courel co concello de Samos. Este lume, de 200 hectáreas de extensión, afecta á poboación do lugar de Gamiz.
Por último, o terceiro lume, que se atopa en terreo forestal afastado dos núcleos de vivendas do termo municipal, calcinou xa 92 hectáreas.
Carballeda de Valdeorras
No municipio de Carballeda de Valdeorras, Medio Rural estima que xa se queimaron 400 hectáreas, aínda que polo de agora non afecta zonas de poboación, segundo detallou a alcaldesa, Carmen González Quintela, que explicou que polo de agora só está a arder "monte baixo".
Quiroga
Segundo o último informe da Consellaría, das 14 horas, un incendio na parroquia de Outeiro, no concello de Quiroga, arrasou xa 200 hectáreas, sen que polo de agora puidese ser controlado.
A Pobra do Brollón
Outras 65 hectáreas son as calcinadas no concello da Pobra do Brollón, na parroquia de Saa, nun lume que se mantén activo a esta hora. Aliás, a Consellaría de Medio Rural activou na tarde desta sexta feira o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas á poboación de Busto.
Vilariño de Conso
Na madrugada desta sexta feira notificouse o inicio dun incendio na parroquia de Pradoalbar, con 40 hectáreas afectadas. Este está a afectar especialmente o parque natural do Invernadoiro.
Baiona
Na parroquia de Baredo, no concello de Baiona, as lapas calcinaron polo de agora 40 hectáreas, sendo este, xunto co lume de Vilariño de Conso, os dous incendios que menos hectáreas arrasaron.