Evacuadas dez crianzas após esboroarse a plataforma dunha atracción de feira en Narón

Modelo da Atracción 'Jamaica', como a accidentada en Narón.
No momento do incidente viaxaban quince persoas na atracción, das que dúas sufriron feridas leves en extremidades.

Sete menores de idade foron trasladados ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e outros tres ao Hospital Ribeira Juan Cardona, pasada a medianoite deste domingo, após virse abaixo a plataforma dunha atracción de feira instalada con motivo das festas patronais do Alto do Castaño, en Narón.

Por causas que se investigan, a plataforma da atracción, na que viaxaban no momento do incidente 15 persoas, veuse abaixo cando se atopaba a media altura do seu percorrido, após romper os dous eixos sobre os que se suxeitaba.

Após precipitarse sobre a base, os viaxeiros foron evacuados de maneira ordenada. Algúns deles, debido á súa idade, comezaron a chorar, acudindo na zona de inmediato axentes da Policía Local e estatal, profesionais do Servizo de Protección, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, ademais de efectivos de Protección Civil, xa que todos eles forman parte do dispositivo de emerxencias posto en marcha polo Concello para estas festas.

Todos foron derivados ao hospital de campaña instalado na zona. Cinco recibiron a alta no momento e os outros 10 foron derivados a centros sanitarios.

Após ser atendidos todos eles foron dados de alta, algúns con lesións leves nas extremidades superiores.

Precintado

Após este incidente axentes da Policía Nacional procederon ao precitado da atracción, de nome "Jamaica" e propiedade duns empresarios deste sector residentes en Narón e dunha longa tradición neste ámbito. Ademais, fontes consultadas detallaron que esta atracción é moi nova, xa que foi estreada en setembro de 2021, após ser encargada en Italia, e que este incidente conmocionou a esta familia, que agarda a pronta recuperación de todos os afectados.

Desde o Concello de Narón trasladouse que "a organización do evento presentou memoria técnica de seguridade que inclúe documentación da atracción, a requirida por lei".

Ademais, antes do inicio do festexo "un técnico realizou inspección de elementos mecánicos e eléctricos de todas ás atraccións instaladas" e realizouse "proba de funcionamento con resultado de apto para o uso".

Desde o Concello de Narón lamentan "o sucedido e desexamos unha pronta recuperación ás persoas afectadas".