Enfermeira de quirófano

Eva Fernández, enfermeira no CHUAC: "Quixeron 'Salvar o Nadal' e agora vémonos desbordadas tentando salvar vidas"

A enfermeira Eva Fernández. (Foto: Nós Diario)

Eva Fernández é enfermeira de quirófano no Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) con preto de 25 anos de experiencia. En conversa con 'Nós Diario' explica a situación que se está a vivir no CHUAC, onde máis da metade do espazo á quirófanos foi transformado para ser UCI de enfermos da Covid.

Que cuestións teñen en conta desde quirófano á hora de operar un enfermo de Covid? 

Á hora de operar un enfermo de Covid temos que ter moito máis coidado. O cirurxián non pode operar do mesmo modo que con outro tipo de paciente porque o EPI restrinxe en certa medida as capacidades. Así, nos casos nos que se pode, téntase realizar técnicas máis sinxelas que non deriven en complicacións durante a operación para así non pór nin o paciente nin o persoal en risco. Agora mesmo non nos podemos permitir enfermar porque non hai sanitarios suficientes. 

Ademais, debemos ter en conta que este virus paraliza seriamente a actividade do hospital porque, se con enfermos non contaxiosos podemos facer entre cinco ou seis operacións durante unha mañá, con casos de pacientes Covid só podemos realizar dúas ou tres, xa que temos que ir máis amodo e ese espazo, ao quedar contaminado, non se poder utilizar con outros pacientes. E non só iso, senón que o resto de patoloxías seguen a existir, haberá moitas máis mortes pola falta de atención que deriva a lentitude de tratar un Covid. 

"A parálise da sanidade polo virus ocasionará máis mortes non Covid"

Mais seguen a realizar operacións...

Realizamos as operacións que non poden esperar como, por  exemplo, no caso das traumatolóxicas, xa que coas fracturas non tes opción a adiar (hai que estabilizar unha rotura). Tamén realizamos as operacións de vital importancia, como de apendicite ou colecistite. Mais aquelas intervencións que se dean nun paciente Covid e que poidan adiarse, esperarase a que a PCR sexa negativa para intervir. 

En que casos se dan máis intervencións?

A maioría de pacientes que son operados son persoas que sufriron caídas. Durante o temporal Florencia tivemos bastantes roturas de nocellos ou pulsos porque a xente esvaraba nas rúas e, en bastantes casos, deuse que non sabían que tiñan o virus até que se lles fixo unha proba PCR previa á intervención e saíu positiva. A presión ante a Covid é tal que mesmo tratamos de positivos aos que son casos sospeitosos, porque poden dar negativo na proba e comezar a mostrar síntomas cando están en planta.

Como se senten os pacientes na unidade? 

Teñen medo. Os que non están enfermos teñen medo a contaxiarse no hospital e os que son positivos están asustados e tristes. Nós tentamos sempre ser o máis agarimosas posíbeis, pero se me poño no punto de vista dos pacientes, ten que asustar ver un grupo de xente con todo o traxe ao redor dunha. 

E entre as compañeiras? 

Pasamos de estar enfadadas pola situación a que a resignación nos puidese e nos inunde a tristeza. Agora o pensamento é “buf, a ver que nos atopamos hoxe!”, sabendo que sempre será peor que o día anterior. Antes aínda tentábamos animarnos ou “banalizar” a situación facendo algunha broma entre nós, pero neste momento xa non temos folgos nin físicos nin emocionais. O peor é que vai chegar un punto en que todo o que fagamos non servirá de nada porque as mortes produciranse polo desborde que estamos a sufrir. Saír chorando ao final da xornada é o máis común. Estamos sometidas a unha presión de traballo inmensa e ao chegar á casa tampouco sabes que facer coa familia, porque tes medo a poder contaxialos. 

Nas súas redes sociais expuña os cambios que se estiveron realizando nos quirófanos do HUAC ante o desborde da UCI.

A semana pasada, en pouco máis dun día, transformouse a metade do espazo físico dos quirófanos en UCI para os pacientes Covid. Ao rematar a quenda, quedamos a carrexar material e baleirar salas mentres operarios tiraban liñas eléctricas polo teito e puñan tabiques onde había portas, outros montan respiradores e camas e outras compañeiras facían protocolos de actuacións sinxelos que tentamos compartir entre nós para ir formando a todas as que se poida. A situación é moi complicada e as sanitarias estamos a facer o máximo que podemos por arrimar o ombreiro e aportar. Hai xente que se está a ofrecer a ir fóra da súa quenda para aprender. 

Pensa que a cidadanía non tivo en conta as restricións nin a situación das sanitarias?

Son escéptica coa cidadanía, porque en canto pase o furacán enseguida chegan aos nosos ouvidos que “somos uns privilexiados, temos un traballo seguro que non imos perder...” e nós damos mostras de que o noso é un traballo sacrificado e que nos expomos a un gran risco para poder salvar o máximo número de vidas posíbeis. Se a xente estivera máis concienciada non estariamos na terceira vaga, quixeron “salvar o Nadal” e agora   vémonos desbordadas tentando salvar vidas. A xente ten que decatarse que isto non é unha enfermidade que aos dous días de estar no hospital xa che mandan para a casa, os pacientes botan moito tempo nas unidades, ocupando camas que non se liberan e que non deixan espazo para outros enfermos, xa non só de Covid, senón doutras patoloxías como as oncolóxicas, onde dous ou treses meses poden ser cruciais para a súa vida.