A Europa decolonial e dos pobos a debate na Coruña

AGE organiza unhas xornadas nas que estarán representantes das CUP, do SAT e Boaventura Sousa dos Santos.

Esta sexta feira (19 de febreiro) Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) organiza no Paraninfo da Universidade da Coruña unha xornadas encabezadas pola súa parlamentar en Bruxelas, Lidia Senra. Baixo o título 'A historia da Europa decolonial e da Europa dos pobos sen estado' a organización quere "trazar pontes" entre as nacións sen estado e a "cidadanía racializada" froito do colonialismo europeo. 

Dúas Europas, din, cunha "xenealoxía histórica" distinta mais que se atopan unidas actualmente por seren consideradas "cidadanía de segunda clase" como resultado dunha "discriminación étnica" e "racial". 

Através dun extenso programa de palestras que se prolonga durante tres xornadas (19, 20 e 21 de febreiro) a organización visa debruzarse sobre a vixencia da "dominación dunha nación sobre outra ou dunha raza sobre outra". Unha realidade, afirman, que mantén "inconcluso" o proceso descolonizador, a loita pola soberanía, o dereito á autodeterminación e a liberación descolonial. 

Neste senso, participarán das xornadas representantes da CUP como a deputada Anna Gabriel Sabaté, Boaventura Sousa dos Santos (Catedrático de Socioloxía da Universidade de Coimbra, Helena Miguélez Carballeira (Profesora da Universidade de Bangor, Gales), Houria Bouteldja (Parti des Indigènes de la République-PIR, Francia), Néstor Salvador (SAT), Xosé Manuel Beiras ou Begoña Dorronsoro (investigadora no Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra), entre outros. 

Podes consultar a programación completa na seguinte ligazón