A eurodeputada do BNG Ana Miranda quere “xustiza e consolo para as vítimas do Alvia”

A eurodeputada do BNG Ana Miranda, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e representantes das vítimas do Alvia na visita á Comisión Europea. Foto: BNG.

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, lembra que a Comisión Europea “debe dar resposta” á denuncia contra o Estado español interposta por ela mesma sobre “vulneración da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria”. “Agardo que en 2019 haxa avances que supoñan xustiza para as vítimas do accidente de Angrois e consolo para os seus”, engade.
 

“Aínda quedan pasos para aclarar as causas últimas do sinistro”, indica Miranda, en relación á petición realizada polo Goberno central á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (Ciaf) “para que complete a súa investigación”, despois de que o organismo rexeitase en outubro a reapertura do informe técnico.

 

A denuncia da eurodeputada nacionalista, presentada en xullo de 2017, está agardando resposta. A Comisión Europea, sinala Miranda, comprometeuse a “preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea para para avaliar a transposición da normativa na actualidade”.

 

O primeiro informe da mencionada axencia, realizado en xullo de 2016, cuestionaba a investigación da Ciaf española por considerar que non houbera investigación independente do accidente. “É moi pertinente que a Ciaf complete a súa investigación”, afirma. O xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria na comisión de investigación do Congreso chegou a criticar a “falta de independencia” do informe da Ciaf.

 

“O BNG non estaba moi desencamiñado”, asegura Ana Miranda, “á hora de presentar a denuncia contra o Estado por vulneración da normativa comunitaria”. Esta esixe que o Estado español “velase” porque Renfe e Adif aplicaran “medidas de control de riscos”.