A UE limitará o uso da IA nas empresas e prohibirá a xeración de 'deepfakes' sexuais: que son e como frealos?
O pleno do Parlamento Europeo acordou esta quinta feira defender que a simplificación das normas que regulan o uso da intelixencia artificial (IA) na Unión Europea inclúa cambios para prohibir os espidos falsos (ou deepfakes sexuais), á vez que se mostrou favorábel a atrasar —tal e como piden a Comisión Europea e os Vinte e sete— a aplicación das restricións que afectarán os sistemas catalogados como de "alto risco".
Con 569 votos a favor, 45 en contra e 23 abstencións, os eurodeputados e eurodeputadas reunidas en Bruxelas validan así atrasar algunhas disposicións para "garantir" que se dá o tempo necesario ás empresas para adaptarse ás novas directrices e estar preparadas para cumprir os límites cando entre en vigor.
A Comisión Europea expuxo na súa proposta de reforma aprazar 16 meses —até decembro de 2027— a entrada en vigor das restricións que se aplicarán ás categorías de alto risco, pero os eurodeputados avogan por un prazo maior co argumento de "garantir a previsibilidade e a seguridade xurídica".
Así, os eurodeputados propoñen que se atrasen até o 2 de decembro de 2027 os límites para os sistemas recollidos especificamente polo regulamento actual —incluídos os que usan datos biométricos e os utilizados en infraestruturas críticas, educación, emprego, servizos esenciais, aplicación da lei, xustiza e xestión de fronteiras—, mentres que engaden un segundo prazo, o 2 de agosto de 2028, para os sistemas cubertos pola lexislación sectorial da UE en materia de seguridade e vixilancia do mercado. O mandato europarlamentario avoga así mesmo por dar aos provedores até o 2 de novembro de 2026 para que cumpran as normas sobre marca de auga de audio, imaxe, vídeo ou texto creado por IA para indicar a súa orixe.
O Consello Europeo, con quen o Parlamento terá que negociar agora a versión definitiva da simplificación do marco regulatorio, aposta no seu mandato tamén nun calendario graduado para os sistemas autónomos —decembro de 2027— e integrados —agosto de 2028—.
En canto ás imaxes sexualizadas sen consentimento, os eurodeputados queren introducir un novo veto aos sistemas que utilizan a IA para crear ou manipular imaxes sexualmente explícitas ou íntimas e que se asemellan a unha persoa real identificábel sen o consentimento da devandita persoa; aínda que non quedarían vetados aqueles sistemas que tomen medidas de seguridade "eficaces" que aseguren que os usuarios e as usuarias non poderán crear con eles tales imaxes.
O Parlamento é favorábel tamén a permitir que os provedores de servizos traten datos privados para detectar e corrixir rumbos nos sistemas de IA, pero introducindo garantías para asegurar que isto se faga só cando sexa estritamente necesario.
Para axudar ás empresas da UE a seguir crecendo unha vez que superan a condición de pequenas e medianas empresas que lles dá acceso a certas medidas de apoio, os eurodeputados apoiaron a ampliación proposta destas medidas ás pequenas empresas de mediana capitalización.
Finalmente, para evitar que a nova lei sobre intelixencia artificial se solape con normas sectoriais sobre seguridade dos produtos, os eurodeputados propoñen que as obrigas previstas na Lei de IA poidan ser menos estritas para os produtos xa regulados por leis sectoriais; por exemplo, dispositivos médicos, equipos radioeléctricos ou seguridade dos xoguetes.

