Os eucaliptos ameazan o patrimonio da Mariña

Castro da Rilleira

Son máis de 50 os elementos patrimoniais catalogados danados ou arrasados polas plantacións masivas de eucaliptos na Mariña de Lugo.

Segundo Mariña Patrimonio, entidade que canda ADEGA está a levar adiante unha campaña contra os efectos da eucaliptización nos xacementos da zona, os restos afectados correspóndense con dous abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, un xacemento medieval e dous de carácter indeterminados. Porén, estes casos non serían máis do que a punta do iceberg tendo en conta que outros 40 xacementos se atopan tamén nunha situación limite, aparecendo 3 elementos patrimoniais afectados en Abadín, 3 en Alfoz, 3 en Barreiros, 3 en Foz, 1 en Lourenzá, 5 en Mondoñedo, 1 en Trabada, 11 no Valadouro, 2 no Vicedo, 2 en Viveiro e 3 en Xove. Atopámonos  con perto de 20% do total do patrimonio inventariado pola Xunta de Galiza na Mariña agredido polos eucaliptos, un escenario sen visos de mellora, sendo que 75% dos 500 bens catalogados pola administración áchanse a día de hoxe ameazados plantacións desta árbore.

 

Un dos casos máis significados aconteceu co castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos no concello de Barreiros, destruído primeiramente durante a corta da plantación e posteriormente na repoboación da parcela. Segundo alertou en abril deste ano Mariña Patrimonio, durante os traballos da corta da madeira desenvolvidos en 2016 foi arrasada unha parte da estrutura, aspecto que foi denunciado pola entidade sen que as autoridades públicas actuasen; aínda ben non transcorrido o ano, procedeuse a unha nova plantación, onde foi destruída a croa, os foxos e o que ficaba do xacemento. A maiores do seu valor patrimonial -cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e cunha croa que nalgún tempo contou cunha muralla pétrea de módulos- este castro destacaba pola súa importancia histórica, ao ser moitos os estudos e especialistas que o vinculaban ao asentamento principal dos cibarcos, tribo galaica citada polo historiado romano Plinio o Vello.

 

20 por cento do total do patrimonio histórico inventariado pola Xunta de Galiza na Mariña foi danado ou destruído polos eucaliptos

 

Outros tantos exemplos atopámolos en diversos concellos da Mariña. Así en Mondoñedo, o Castelo do Monte da Arca, un castro xa referenciado e estudado por Xosé Villamil e Castro en 1876 e inventariado en decembro de 2015 a raíz dunha reclamación de Mariña Patrimonio, é destruído en Marzo do ano seguinte. O xacemento en cuestión, construído na idade do ferro, de feitura semicircular, defendido por un triplo parapeto e foxo, situado na parroquia de Argomoso, desaparece pola acción da maquinaria pesada que acometía unha plantación fonda de eucalipto. Ao tempo, en Santo Estevo de Recende, A Pontenova, o castro do Patelo, recollido no inventario da Dirección Xeral de Patrimonio e protexido polo planeamento municipal, volve a ser vítima da acción dos madeireiros en xullo de 2017, porén, neste caso, como noutros 13 do concello, a administración autonómica non tiña ofrecido as coordenadas de protección.

 

A conivencia dos poderes públicos co negocio do eucalipto, nunha comarca que canda Ortegal vén ser o epicentro da actividade en Galiza, é evidente. Só 22 denuncias das 60 presentadas por Mariña Patrimonio é ADEGA foron atendidas pola Dirección Xeral de Patrimonio que limitou a 2 os expedientes sancionadores, en moitos casos, segundo a Xunta de Galiza, por falta de protección legal do xacemento malia tratarse de elementos patrimoniais inventariados pola Consellaría e identificados cun código ou referencia oficial. A permisividade dos organismos públicos, sexan aqueles dependentes do goberno central ou do goberno autonómico, coas plantacións ilegais de eucaliptos e a falta de vontade por facer cumprir a propia lexislación de aplicación, demostran, máis unha vez, a súa supeditación a ENCE, como se denuncia desde as entidades ecoloxistas ou de defensa do patrimonio.