O eucalipto ocupa na Galiza 30.000 hectáreas en terras agrarias

Imaxe: Xan Muras

En tres anos o noso país perdeu 5% da súa superficie agraria útil.

Galiza vai camiño das 500.000 hectáreas ocupadas por eucalipto, 30.000 delas en terras agrarias. Cifras que volveu poñer sobre a mesa a plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, que este verán lembraba que a “propaganda” institucional non pode ocultar que o plan de prevención e defensa contra incendios deseñado pola Xunta non val. Unha realidade, apontaban, marcada pola extensión do eucalipto, o abandono de 30.000 explotacións na última década, os 150 millóns de euros anuais para a industria do lume”, ou dedicar “cero efectivos” a facer prevención todo o ano.  

A superficie do eucalipto aumentou en 65% no noso país entre 2001 e 2017 e a extensión que ocupa é moi superior á superficie prevista para esta especie que o Plan Forestal de Galiza de 1992 fixaba para o 2023 (245.000 Has).

A isto engádese que en Galiza hai por volta de 30.000 hectáreas de eucaliptos en terras agrarias, segundo entidades e organización como ‘Por un monte galego con futuro’ ou Unións Agrarias. Galiza perde cada vez máis superficie agraria, unha perda cunhas consecuencias a curto, medio e longo prazo non só sobre o territorio, mais tamén no desenvolvemento e futuro do país. Dados do Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que do 2013 ao 2016, Galiza perdeu 34.000 hectáreas, máis de 5% da súa superficie agraria total e a metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto do Estado español.

Desde 1985 e até hai uns anos en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil ( Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). En Galiza a superficie agraria útil non chega ao 25% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.