A eterna hipoteca do Gaiás

En 2013, o PP apoiou unha inciativa parlamentaria do Bloque para paralizar a construción da Cidade da Cultura. Sen previo aviso, a dereita sumábase ás posturas da oposición que, no medio do vendaval económico, esixía cando menos moderación no megalómano proxecto. Mais as tornas mudaron. Un novo edificio, do que non transcenderon máis detalles que a súa estimación orzamentaria, levará as palas a un monte Gaiás cuxos usos e utilidades distan de ser claros. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 299.

É talvez o máis significativo síntoma de que en San Caetano consideran a situación controlada. A pasada semana e por sorpresa, Alberto Núñez Feixó anunciou a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura. Nunha espectacular reviravolta, o que fora conselleiro do último Goberno de Fraga Iribarne -responsábel intelectual e financeiro do Gaiás-, logo opositor furioso ao complexo durante o bipartito e despois paralizador orgulloso das obras durante o seu segundo mandato, promove agora a reactivación inmobiliaria no monte de Santiago de Compostela.

 

Segundo informou a propia Xunta, o “Edificio Fontán” custará 17 millóns de euros. Servirá para acoller “os servizos compartidos entre as tres universidades galegas” e “levantarase sobre a estrutura do que ía ser o Teatro da Ópera”. Eses alicerces de formigón dos que, no corazón do lugar, ninguén parecía coñecer o futuro. Converteranse, di o Goberno galego, na sede do “novo Consorcio Interuniversitario de Galicia, da Axenda para a Calidade do Sistema Universitario e do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais”.

 

“Pero que entelequia é esta?”, pregúntase Xosé Carlos Bermejo Barrera, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Compostela en conversa con Sermos Galiza. O profesor foi un dos intelectuais máis críticos co esperpéntico proceso que desembocou na Cidade da Cultura. E amósase indignado coa “última ocorrencia” de Feixóo. “Que significa iso dun consorcio para coordinar as universidades? Non fai falta ningunha empresa para que se coordinen”, expón, “ademais, esa oficina collería en 40 metros cadrados”. Por outra banda, engade, xa existen órganos de coordinación das universidades e, opina, non funcionan: “Nin se poñen de acordo para eliminar unha titulación, nin para trasladar profesores, nin para nada”.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 299 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]