A eterna demanda dunha AP-9 urbana no seu acceso a Vigo

É un dos tramos con máis poboación afectada por contaminación acústica a nivel estatal. Unha iniciativa do BNG conseguiu o apoio do resto de grupos para reclamar que o Goberno central execute as obras de mellora, unha reivindicación histórica da veciñanza. Desde Fomento afirmaban hai uns meses que calquera actuación na zona, libre de peaxes, corresponde a Audasa baixo aprobación do ministerio.

Os veciños e veciñas dos bairros de Teis e Chapela aturan acotío un ruído excesivo nos seus fogares. O principal culpábel, o intenso tráfico da AP-9 no seu acceso á cidade de Vigo: 56.300 vehículos, máis do duplo de que a media de tráfico da autoestrada galega, cruzan este tramo cada día, dos cales 3.200 son camións. Mais as sucesivas demandas veciñais continúan anos despois no mesmo caixón, pese a aparente unanimidade entre as forzas políticas. 

O propio ministerio de Fomento revelaba nun informe que o tramo de 3,8 quilómetros no barrio de Teis rexistra un dos maiores niveis de contaminación acústica de todo o Estado español. Nos arredores, máis de 4.000 persoas conviven con ruídos que chegan a superar nalgúns puntos os 65 decibelios, un volume que pode producir lesións. Pola súa parte, a veciñanza de Chapela mantén as concentracións fronte ás obras de ampliación da ponte de Rande, esixindo a reposición dos servizos afectados, entre eles unha escola.

Máis de 4.000 persoas conviven con ruídos que superan nalgúns puntos os 65 decibelios polo tráfico, un volume que pode producir lesións

Unha das medidas máis solicitadas -e comprometidas- para paliar os problemas do ruído pasa pola instalación de barreiras sonoras e asfalto silencioso. De feito, a zona está incluída segundo Fomento dentro do Plan de Acción contra o ruído como “actuación complexa”. Porén, o ministerio comunicaba o pasado febreiro que a execución de calquera actuación na entrada da AP-9 en Vigo corresponde a Audasa como sociedade concesionaria, baixo autorización previa. Tamén a Xunta recoñecía un mes antes, mediante un comunicado, a “necesidade” de cambios na zona.

Esta semana, unha iniciativa do BNG conseguiu o apoio do resto de grupos políticos do Parlamento para trasladar estas demandas ao Executivo central. A proposta reclama a execución de obras de cara á urbanización deste tramo, mellorando a mobilidade dos barrios, hoxe atravesados pola autoestrada, e desconxestionando a rúa Sanxurxo Badía, que hoxe rexista unha elevada intensidade de tráfico. Un proxecto para humanizar este acceso que parte das alternativas expostas polas asociacións veciñais de Teis e Chapela, que se completaría coa eliminación da peaxe no treito entre Rande e Vigo, en dirección ao municipio de Redondela.

“A veciñanza é quen paga as consecuencias mentres outros levan os beneficios, neste caso a concesionaria que ten como principal accionista un fondo voitre chamado Corsario, por senón quedasen claras as intencións”, declarou o portavoz dos nacionalistas na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento galego, Luís Bará. Igual que ocorre coa transferencia da AP-9, a unanimidade a nivel galego non se traduce no escenario estatal, onde o Partido Popular non parece considerar tan urxente a actuación. 

Igual que coa transferencia da AP-9, a unanimidade a nivel galego non se traduce no escenario estatal, onde o PP non parece considerar tan urxente a actuación

Desde a Xunta defenden que non teñen competencias, pero recordan que este asunto será tratado nunha futura comisión bilateral sobre a AP-9 entre ambas administracións. Tamén no pleno municipal en Vigo, os populares respaldaron nos últimos anos dúas mocións para dotar dun “acceso digno” a cidade. Pola súa banda, o portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, recordou que o Bloque xa solicitara esta medida en varias ocasións e lamentou que o PSOE non aprobara esa proposta cando José Blanco estaba ao fronte da carteira de Fomento. En xaneiro deste ano, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, chegou a ameazar con cortar o tráfico pesado neste tramo de non recibir unha resposta.

Por este motivo, Bará chamou a non caer na “habitual confrontación institucional entre Xunta e Concello” porque, dixo, “os personalismos e os partidismos o único que fan é prexudicar a veciñanza”. O deputado nacionalista propuxo a creación dunha mesa de diálogo entre as administracións implicadas para achegar posturas.