Leccións e recreo entre cascallos

Patio descuberto e mollado do CEIP de Roxos (ANPA).
Superado o primeiro mes de clase, colexios e institutos da Galiza arrastran do verán obras de remodelación e mantemento que dificultan o desenvolvemento da actividade lectiva. Non son os únicos, o arranque do curso fai abrollar as queixas das ANPA que se atopan con novas necesidades de reparación e grandes obras pendentes de execución.

O curso 2018/2019 rematou coa adxudicación de 22 obras de rehabilitación integral en centros escolares por un importe de máis de 19 millóns de euros. O compromiso da Consellaría de Educación e das empresas construtoras era rematar a maior parte das obras antes do inicio do curso, e unha vez co alumnado nas aulas, interferir o menos posíbel no desenvolvemento da xornada escolar.

As obras continúan nalgúns centros. No CEIP de Cervo, onde a remodelación do centro comezou un mes máis tarde do previsto, continúan á espera de que a empresa construtora finalice o proxecto. “Hai máis dunha semana que non avanzan os traballos. Non hai obreiros, e quedan cousas por facer. A este ritmo temos para un mes máis, e o compromiso era ter o proxecto rematado o 15 de outubro”, explica a Sermos Galiza Luz Campo, presidenta da ANPA. “Eu considero que o meu traballo non é estar a pé de obra mirando a ver que non marcha ben para comunicalo. Pero é necesario porque eu non vexo que se faga un seguimento eficaz da remodelación”.

O CEIP de Cervo, en obras desde o estío

O centro, dos anos 80, recibiu perto de un millón de euros para a súa rehabilitación integral. “Estamos moi contentas porque esta intervención era urxente. Cambiouse a instalación eléctrica, a fontanaría, a calefacción, os baños, o revestimento exterior. Pero a execución é lenta e pouco profesional nalgúns momentos. As empresas construtoras deberan ter moi claro o que significa traballar entre escolares en período lectivo”.

Alguén debería explicárllelo, asegura Luz Campo, que dá conta das deficiencias actuais malia percibir boa disposición por parte das Administracións e do persoal que traballa no centro. Eu recoñezo un esforzo por parte de todos, pero o certo é que esta demora, quen a paga, é a rapazada”.

Comezan as obras do comedor do CEIP A Maía

Entre o receo e o contento tamén se moven as familias usuarias do CEIP A Maía, en Ames, onde acaban de comezar as obras de construción dun novo comedor escolar con capacidade para 400 nenos e nenas. Cun prazo de execución de catro meses e medio millón de euros de orzamento, desde a Concellaría de Educación recoñecen que “non houbo posibilidade nin previsión de facelo no verán”, porque a licitación dunha obra destas características vai de tres a seis meses, e coa aprobación dos orzamentos municipais no primeiro trimestre do ano como paso imprescindíbel, non había marxe para facelo.

A ANPA recoñece preocupación por parte das familias. “Non coñecemos os detalles do plan de seguridade”, asegura Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Pais e Nais. “Desde o centro enviaron un comunicado nas mochilas da rapazada explicando que xa comezaron o valado da zona de obras, e que en función do perigo que entrañen os traballos sucesivos nos irán informando dos cambios na organización das entradas e saídas do alumnado, pero non sabemos nada máis”.

A obra conta cun plan de seguridade redactado pola empresa adxudicataria, encargada de velar polo seu cumprimento. Desde o Concello, a aparelladora municipal será quen se ocupe do seu seguimento máis da evolución da obra. “A localización do novo comedor permite valar unha zona lateral do recinto escolar que conta cun acceso propio de uso exclusivo para os operarios. A fase inicial será unha das máis complicada porque esixe derrubas, guindastres e traslado de cascotes. Está previsto realizalos fóra das horas lectivas, polo risco que entraña o manexo de elementos aéreos, ao igual que a provisión de material. Pero o resto dos traballos faranse en horas de clase e haberá que convivir”, explica o concelleiro de Educación de Ames, David Santomil.

O responsábel municipal pide paciencia ás familias ao tempo que elas reclaman máis información sobre as medidas de prevención “ para evitar o contacto da rapazada coa zona de obras e ter claro como e a onde teremos que acceder para recoller os nenos e as nenas ao rematar a xornada”.

O CEIP de Roxos, sen patio cuberto

As demandas das familias tamén se senten no CEIP de Roxos, en Santiago, onde a construción de tres aulas novas deixou o alumnado de Educación Infantil sen patio cuberto. “De entrada, unha das tres aulas quedou a medio facer”, conta Esther Piñeiro, presidenta da ANPA “aínda que está previsto concluíla. E agora, as nenas e os nenos de tres e catro anos vense na obriga de pasar o tempo de recreo nas aulas os días de chuvia, que non son poucos”.

Desde a asociación de nais e pais piden unha cobertura axeitada do patio ao aire libre, de xeito que tamén poidan ir baixo cuberto dun edificio a outro do colexio. Trasladáronlle a súa solicitude ao xefe territorial de Educación e tamén aos distintos grupos do Concello de Santiago. “Desde vello existe un problema de competencias que non deixa avanzar. A Xunta pásalle a pelota ao Concello e o Concello á Xunta, e mentres, quedamos sen mellora ningunha”, asegura Esther Piñeiro.

Xestor único e plan director para os centros escolares

Desde a Confederación de ANPA de Galiza manteñen que as medidas de mantemento dos centros escolares deben ser responsabilidade dunha única administración. En declaracións a Sermos Galiza, Fernando Lacaci, presidente, cre que a xestión das obras de remodelación, mantemento e actualización das instalacións educativas deberían estar en mans cousa da Xunta. “Non porque os concellos non o fagan ben, non. De feito teñen salvado moitos colexios da obsolescencia máis absoluta. Pero con dúas Administracións ao cargo, a culpa sempre acaba sendo da outra”.

Lacaci bota en falta un plan director que indique en que momento hai que revisar cada infraestrutura e actuar en consecuencia. “Iso debería estar previsto, porque a deterioración das instalacións é moi grande cada curso con centos de nenos e nenas correndo polas escolas. Cando esa vixilancia depende das direccións dos centros, tamén depende da interpretación particular de cada quen á hora de ver e comunicar os danos".

A deterioración das escolas é moi grande cada curso, con centos de nenos e nenas correndo polas instalacións. É necesario un plan director que marque as revisións e as actuacións necesarias en cada centro.

A Confederación de ANPA de Galiza reclama a obxectivación do mantemento dos centros escolares, de xeito que se rexan polo mesmo plan de forma sistemática. E pide, ademais un plan de actualización das instalacións, porque hai colexios que manteñen a mesma disposición coa que se puxeron en marcha, con infraestruturas e recursos moi similares.

Nota: na imaxe superior, comedor actual, en fase de derruba, do CEIP A Maía. Foto do Concello de Ames. Na imaxe inferior, aula inacabada do CEIP de Roxos. Foto da ANPA.