Protestas perante a Xunta contra os recortes da atención á diversidade nos centros de ensino

A ANPA do CEIP Labaca protestou este mes contra os recortes de persoal especialista

Co obxectivo de exixir á Xunta que garanta o persoal necesario para a atención á diversidade, unha plataforma de familias que se agrupan baixo o lema Dereitos, non parches convoca para esta cuarta feira unha concentración diante do edificio administrativo da Coruña. A convocatoria, prevista para as 11 horas, está aberta a familias, profesionais da educación e calquera persoa "que se sinta apelada pola necesidade de garantir a correcta atención á diversidade na educación", sinala a entidade convocante. 

Con esta acción, as familias queren reivindicar "a insuficiencia das solucións que a Xunta está implantando para solventar a carencia de persoal de atención á diversidade en diferentes centros educativos da Coruña e a súa contorna neste principio de curso". Tal e como indican, en centros como o CEIP Labaca, CEIP San Pedro de Visma ou CEIP Valle Inclán nomeáronse profesionais especialistas de Audición e Linguaxe só a media xornada, despois de terse suprimido prazas a tempo completo.

Outros centros, como o CEIP Rosalía de Castro da mesma cidade, seguen agardando que se incorpore este especialista e no CEIP Emilia Pardo Bazán, a plataforma denuncia que se está a negar a presenza da persoa especialista en Pedagoxía Terapéutica que se demanda e coa que si contaban o curso pasado. 

A plataforma organizadora destaca que a mobilización conta co apoio de máis dunha quincena de asociacións de nais e pais, tanto de centros afectados pola supresión de persoal como de outros centros, así como de asociacións relacionadas con trastornos que poden afectar á aprendizaxe. A convocatoria presencial completarase cunha unha campaña en redes sociais co cancelo #dereitosnonparches.