Un estudo recomenda fomentar a actividade agropastoral para evitar lumes no Gêres-Xurés

Os incendios de 2017 arrasaron case 9.000 hectáreas dos espazos protexidos do Xurés e de Ancares (Imaxe: Rosa Veiga).
Un equipo de investigación sinala as políticas forestais centradas na extinción, sen ter en conta que os propios lumes xeneran paisaxes "máis inflamábeis e propensas a sufrir grandes incendios".

Un equipo de investigación integrado por persoal da Universidade de Santiago de Compostela e mais da Universidade do Porto propón a "xestión intelixente" dos incendios para atallar un problema que cada ano afecta á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Esta modalidade "ten como obxectivo controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos", como explica o coordinador do traballo, Adrián Rego.

O estudo empregou modelos matemáticos de acordo con distintas estratexias de xestión do territorio para o período 2020-2015, analizando os seus potenciais efectos nos incendios e outros factores como a dispoñibilidade de hábitats para as aves, anfibios e réptiles do parque.

"Demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona, revertendo a actual tendencia de abandono rural. poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstos entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico”, expón o doutor Regos

Fracaso das políticas

O equipo sinala os efectos do cambio climático e mais o abandono das actividades silvopastorais como algunhas das causas  que explican o "crecente impacto dos incendios dos incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa", afectando especialmente a Galiza e mais ao veciño Portugal.

Tamén as políticas forestais actuais, que se centran "na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas, o que paradoxicamente favorece a acumulación de 'combustible' e a unha transición cara paisaxes mais inflamables e propensos a sufrir grandes incendios forestais".

Desde comezos de 2020 a reserva do Gerês-Xurés xa ardeu en dúas ocasións, nos meses de febreiro e marzo, con 3,5 hectáreas afectadas en total. Mais a área ten sufrido sinistros moito máis graves, como o de outubro de 2017, en plena vaga de incendios, que calcinou 650 hectáreas deste parque nacional e a presenza de lumes nos municipios que o conforman é periódica.