Un estudo duplica o número de especies botánicas coñecidas na Illa de Tambo

Malia o seu pequeno tamaño, nesta illa da ría de Pontevedra crecen 10% de todas as especies de plantas vasculares da Galiza. Hai 2.391 especies no país e na illa de Tambo 237.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) xunto cunha equipa de botánicos realizou ao longo de 2023 un exhaustivo estudo da riqueza florística da Illa de Tambo na ría de Pontevedra. O traballo foi realizado coa colaboración do Concello de Poio, que facilitou o desprazamento á illa.

O estudo foi comandado por Martiño-Fiz López Lindoso, biologo ambiental, coa coautoria de Javier Calvo, enxeñeiro forestal, e Pablo Rodeiro, investigador-colaborador no departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC).


No estudo participaron científicos/as de recoñecido prestixio como Javier Amigo e Maria Inmaculada Romero Buján, profesores da USC, e outros especialistas en musgos e liques, que realizaron diversos achados que incrementan o coñecemento das especies coñecidas para a Illa de Tambo, dende 114 especies a 237 especies (123 especies máis,107% máis).

Alta biodiversidade vexetal

As conclusións preliminares indican que a Illa de Tambo revélase como unha zona de alta biodiversidade no que atinxe ás plantas vasculares. Os 0,29 Km2 da illa representan a cen milésima parte (1/100.000) do territorio galego.

A pesar do seu pequeno tamaño, na Illa de Tambo medran 10% de todas as especies de plantas vasculares de Galiza (hai 2.391 especies no país e na illa de Tambo 237 especies, o 9,8% do total). Este feito reflicte que Tambo é un lugar especialmente indicado para ser orientado á conservación da natureza, xa que reúne unha alta biodiversidade nun pequeno territorio que é o factor máis importante que se busca nun espazo protexido.

Outras conclusións do estudo indican que nas áreas de maior biodiversidade da illa hai unha menor presenza de eucalipto. “É nas zonas libres de Eucalyptus globulus onde atopamos a maioria da biodiversidade mentres que onde esta especie é dominante a biodiversidade vexetal é menor”.

Tamén se recolle no Inventario a presenza de 22 especies de plantas invasoras e a súa abundancia nas diversas partes da illa (dividiuse en 8 áreas), para facilitar a súa posterior localización. O estudo deitou tamén outros interesantes datos sobre as especies presentes na illa que serán facilitados cando se procese a información e se confirmen os novos resultados.


Adega entregou ao Concello de Poio un listado preliminar das especies de plantas que medran na illa e vai solicitar a presentación dos resultados deste estudo na Comisión de Seguemento da Illa de Tambo.

Estes datos, incide a asociación, sobre a biodiversidade botánica avalan a proposta de creación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo. Porén, entran en contradición co documento chamado “Plan de Usos e Conservación da Illa de Tambo”, que é “ademais incoherente coa Memoria de ENIL”.