Crise dos pellets

Un estudo avalado pola ONU advirte do dano dos pellets no medio mariño

Bólas de plástico nunha praia de Noia. ( Foto: Nós Diario)
Flora & Fauna International instan os gobernos a "dar un paso á fronte" para regular a cadea de subministración dos pellets.

Un informe da ONG Flora & Fauna International prologado polas Nacións Unidas advirte da afectación das verteduras de pellets e microplásticos nos ecosistemas mariños,e de como estes poden danar a alimentación dos animais, e mesmo dos humanos. Este documento, que conta cun limiar redactado polo enviado especial da ONU para os Océanos, Peter Thompson, busca dar a coñecer os problemas que causan estas verteduras e tentar ser unha referencia para os xestores públicos cando ocorra un destes episodios.

O informe, como tantos outros a nivel internacional, parte da vertedura de pellets polo buque X-Press Pearl en 2021 fronte ás costas de Sri Lanka. Perdeu 1.680 toneladas deste material, cifra moi superior ás 26,2 Tm de bólas de plástico que viaxaban nun dos contedores caídos do Toconao o 8 de decembro fronte ás costas portuguesas.

O traballo alerta de que "todas as especies mariñas entraron en contacto coa contaminación por microplásticos" e no 90% tiveron un impacto negativo. De feito, estímase que ao redor de 14 millóns de toneladas de microplásticos contaminan o fondo mariño. Nestas especies impacta desde o primeiro chanzo da cadea alimentaria, xa que mesmo o zooplancto confunde os microplásticos con comida. En canto aos pellets, o documento sinala que hai animais —aves, tartarugas mariñas, entre outros— que os comen polo seu parecido aos ovos de peces.

"Os pellets son inherentemente perigosos polos aditivos tóxicos que conteñen. Tamén actúan como unha esponxa, absorbendo e acumulando bacterias e contaminantes que persisten no mar. Cando os pellets entran en contacto con -ou son comidos por- animais mariños, as toxinas, produtos químicos e bacterias poden potencialmente transferirse ao animal", engade o informe.

Regular o transporte

O gran volume das mercadorías, afirma esta análise, fai "incrementar o risco" de contaminación do medio mariño, sobre todo cando os contedores caen ao mar. Ademais, a maioría de iniciativas e tratados internacionais ao redor dos plásticos céntranse, principalmente, en previr as verteduras de pellets durante a súa fabricación ou transporte en terra, non tanto polo mar.