Social

Estudantes galegas instan as universidades a suspender o curso como en Italia

Aula da universidade (arquivo).
O sindicato estudantil galego ANEGA reivindica a superación automática das materias sen cómputo na media como única medida viábel perante a situación de crise polo coronavirus. 

O sindicato estudantil galego ANEGA solicita ás universidades galegas que aproben a suspensión do curso vixente como se fixo en Italia debido á crise sanitaria provocada pola expansión do coronavirus. 

Desde AEGA valoran "positivamente" o decreto lei anunciado en Italia "para liquidar o curso académico e superar automaticamente as materias pendentes" e consideran isto "un sinal de que a medida debe aplicarse aquí o antes posíbel", pois reivindican a superación automática das materias sen cómputo na media tamén na Galiza.

"O ensino reanudaríase o curso que vén, en setembro, logo de estabelecer comisións con todos os axentes implicados que decidan que contidos esenciais se trasladan ao curso seguinte e como", propoñen desde o sindicato estudantil.

ANEGA púxose en contacto coas tres universidades, institutos e institucións educativas galegas para trasladar a súa proposta. Manifestan que xa se teñen producido "diversas negociacións", así como con organizacións de todo o Estado "de cara a artellar unha resposta conxunta".

Desde este colectivo convidan a todas as entidades educativas e sociais de todo o tipo a sumarse á iniciativa "para conseguir unha saída humana e asequíbel" para as estudantes a esta grave crise, na que "continuar o curso con apariencia de normalidade é unha opción que a cada momento parece máis inviábel".

Reunión coa USC

ANEGA ten a maioría de representación do alumnado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través da Candidatura Unitaria Estudantil e xa mantivo unha reunión telemática co equipo reitoral.

"Nela fíxose unha valoración postiva das medidas xa negociadas por ANEGA coa USC, coma a non ampliación do calendario académico, a concesión de subvencións ao acceso a internet ou a adaptación das guías docentes", salientan.

Porén, desde o sindicato inciden en que a solución neste punto pasa pola "suspensión do curso e retirada das avaliacións".