Estudantes de dous mestrados da USC levan un mes sen profesorado en dúas materias

[Imaxe: USC] Biblioteca da Facultade de Mediciña.
Oitenta alumnas e alumnos dos mestrados de Ciencias e Linguas da USC denuncian os atrasos na cobertura de prazas en tres materias e advirten dun “problema estrutural” pola precarización do traballo na universidade. A universidade responde afirmando que desde a segunda feira quedarán cubertas as prazas.

A materia de Educación, Sociedade e Política Educativa no mestrado de Ciencias e no de Lingua que dependen da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Compostela (USC) non se imparte pola falta de docente. Tampouco se imparte a materia de Didáctica, Currículo e Organización da Escola no segundo deles polo mesmo motivo. É dicir, no mestrado de Linguas 50% das materias das cinco primeiras semanas do curso non se dan. A cuarta parte delas, no de Ciencias. Quedan apenas dúas semanas e as alumnas e alumnos, corenta en cada mestrado, 80 en total, apenas recibiron un correo da coordinadora dos cursos explicando que hai “un problema de lentitude na convocatoria”, segundo di a Sermos Galiza un dos alumnos que protestan. A maioría xa puxeron queixas, individuais, diante da USC. 

“Son cinco mestrados e noutro deles tamén estiveron sen profesor os primeiros días. Non é un problema puntual. Xa pasou nestes mesmos cursos hai tres anos”, explican as alumnas afectadas. “A contratación é moi inestábel. Multiplícanse as convocatorias. As profesoras e profesores están en situación de precariedade laboral pola deriva que leva a política de contratacións da USC”. 

As alumnas e alumnos pagaron 600 euros de matrícula por un curso dun ano para capacitarse como profesorado e buscar unha saída laboral no ensino. Veñen de diferentes áreas, desde biólogas e matemáticas ate filólogas e historiadoras.

Resposta da USC

"Desde a próxima segunda feira quedarán cubertas as prazas e hai un acordo co departamento da Facultade de Ciencias da Educación para recuperar as clases perdidas", explicou un portavoz da USC, que indicou que houbo un "atraso inoportuno" nas reunións dos comités de selección. E engadiu: "a partir de agora estabelecerase un protocolo para que estas cousas non volvan suceder".