Estudantes e docentes con Palestina: comunidades educativas galegas rexeitan o xenocidio en Gaza

Protesta, esta sexta feira, ante o IES Maruxa Mallo de Ordes. (Foto: Docentes con Palestina)
Concentracións nos centros educativos convocadas polo colectivo Docentes con Palestina, unha iniciativa que busca comprometer o sistema educativo coa defensa dos dereitos humanos e a denuncia do xenocidio que Israel está executando en Gaza.

Estudantado e profesorado clamaron esta sexta feira ao largo e longo da Galiza contra o xenocidio que o Estado de Israel está a exercer sobre o pobo palestino, convocados polo colectivo Docentes con Palestina, unha iniciativa que busca comprometer o sistema educativo coa defensa dos dereitos humanos e a denuncia do xenocidio que Israel está executando en Gaza.

"Está pasando agora, mentres lemos estas palabras, mentres andamos polos corredores do noso centro, mentres o alumnado estuda e aprende, mentres o profesorado explica a materia. Está pasando agora, mentres saímos de clase, subimos e baixamos do autobús camiño das nosas casas. Está pasando agora", escoitouse esta sexta feira na lectura dun comunicado que resoou ás portas de ducias de centros de ensino galegos. 

"Non fai falta ir aos libros de Historia: nestes momentos Palestina sofre un ataque continuo en forma de xenocidio por parte das tropas ocupantes de Israel", proseguiu, para a continuación lembrar as máis de 33.600 persoas asasinadas desde a escalada do conflito que se intensificou o pasado 7 de outubro, pouco máis de seis meses nos que morreron "máis crianzas que no conxunto de todas as guerras do mundo dos últimos catro anos". Uns asasinatos aos que se suman 80.000 persoas feridas e 1,7 millóns de desprazadas dos seus fogares. 

Compromiso coa sociedade

As protestas decorridas esta sexta feira no ensino galego non son máis que mostra do compromiso dunha comunidade educativa que entende como unha obriga "actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos: parte da sociedade civil, para premer os nosos Gobernos co fin de parar este xenocidio".

Apelando ao cumprimento da Lei de Educación vixente, a Lomloe, que no seu primeiro artigo afirma como un dos seus principios "a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza", docentes e estudantes clamaron contra "o silencio e a equidistancia": "ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatíbel coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática".

"A comunidade educativa nin pode nin debe ficar calada ante o masacre que está a acontecer na Faixa de Gaza".