Estudantes da USC convocan unha segunda sentada para reclamar a "presencialidade" nas aulas

Cartel publicitario da II sentada dos estudantes. (Foto: Asembleas de Maxisterio e de Educación Social e Pedagoxía Reivindica)
Acusan o decanato da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de "atentar contra os dereitos fundamentais do alumnado" por prohibir o uso de varios espazos de reunión e traballo.

As Asembleas de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan unha II sentada pola presencialidade nas aulas no curso que acaba de comezar.

O alumnado critica que, segundo o protocolo para a docencia no cuadrimestre actual, o plan de rotación de tres semanas deixa “un total dun 16% de presencialidade” nas facultades.

Ante esta noticia, a mocidade que estuda no Campus Norte e no Campus Vida amosou as súas “inquedanzas” ao non entender que as clases presenciais non vaian en aumento atendendo á “realidade sociosanitaria actual, na que se inclúe a vacinación da comunidade educativa da facultade”.

Os colectivos explica que unha das medidas que está a provocar máis debate é o feito de que haxa unha semana co ensino ao 100% telemático cada tres, pois as sedes universitarias estarán “completamente inutilizadas por calquera dos catro graos da facultade”.

Desde o seu punto de vista, estas decisións que priman en Ciencias de Educación non teñen “sentido se nos fixamos nas directrices expedidas polo Reitorado sobre a procura da máxima presencialidade”.

O descontento entre as e os estudantes xa fixo que se recolleran 600 sinaturas de protesta, que se trasladaron ao Decanato da citada facultade. Igualmente, segundo as asembleas, solicitouse unha explicación das condicións elixidas para iniciar o curso pero “a resposta nunha chegou” polo que se preparan novas mobilizacións.

Novos problemas

No Campus Sur da USC xa se deu unha sentada para facer presión sobre o decanato, a fin de estabelecer un diálogo entre as partes e renegociar o protocolo Covid.

“Mentres organizabamos a sentada apareceron novas queixas referidas á imposibilidade de reunirse e facer uso das instalacións salvo para a asistencia a clases presenciais, uso da biblioteca ou da cafetería”, lamentan, pois isto derivou na prohibición de usar espazos como o local de estudantes ou as aulas para traballar en grupo.

Entenden que isto “atenta contra os dereitos fundamentais do alumnado por ser estes lugares imprescindíbeis para a garantía de igualdade de oportunidade e organización estudantil”.

En consecuencia haberá unha II Sentada pola Presencialidade esta próxima cuarta feira ás 20.30 horas fronte á sede do Campus Norte.