Presencialidade en todas as etapas no ano lectivo 2021/2022

A nova ministra de Educación, Pilar Alegría, confirma que o vindeiro curso lectivo se desenvolverá de xeito presencial en todas as etapas, e defende a redución de ratios pola súa converxencia coa media da Unión Europea. Amais, avala a educación concertada e o paso de curso con suspensos. 
A ministra de Educación, Pilar Alegría, na Conferencia Sectorial de Educación o 21 de xullo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera A ministra de Educación, Pilar Alegría, na Conferencia Sectorial de Educación o 21 de xullo. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

“Todos os estudos e informes falan de garantir a presencialidade de todos os estudantes e esa é a nosa aposta en todas as etapas”, confirmou a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, nunha entrevista onte con medios estatais.

A ministra salientou a experiencia adquirida durante o pasado ano lectivo, que “se iniciou con maior incerteza, cunha situación de pandemia máis complicada e sen vacina”, malia iso, apuntou que “o esforzo conxunto de todas as comunidades permitiu garantir o dereito á educación e facelo nun entorno seguro”.

“Fíxose ben o curso pasado e vaise volver a facer ben”, confiou Alegría, que abriu a porta a modificar o protocolo para o comezo do ano escolar e actualizalo segundo a situación da pandemia de Covid-19, así como confirmou a vontade tanto do Goberno do Estado como dos territorios.

Tamén revelou que xa se produciu unha nova actualización do protocolo “nun dos últimos consellos interterritoriais de saúde”, ao que hai que sumar dúas conferencias sectoriais. Alegría xustifica que non se obrigue ás profesoras e profesores a vacinarse, debido á alta porcentaxe de docentes que xa o fixeron de modo voluntario.

Ratios nas aulas

No que atinxe aos ratios de alumnas e alumnos nas aulas, Alegría recoñeceu que a rebaixa foi pactada entre o Executivo estatal e os territorios en maio, para recuperar os ratios que había antes da aparición da pandemia de coronavirus. A pesar diso, sinalou que o Ministerio de Educación transmitiu ás comunidades que manteñan o corpo docente contratado como reforzo.

Asemade, defendeu, os ratios “correspóndense coa media europea”, destacando que desde o Goberno español “se inxectaron fondos de maneira moi importante” co fin de que os territorios “poidan seguir apostando por esas medidas que melloren a calidade da educación nestes momentos”. A ministra pediu lembrar o esforzo económico que supuxo o curso pasado pola redución de ratios.

A ministra de Educación considera que a concertada ten "un papel clave"

A “firme” colaboración entre a educación pública e privada é “un elemento clave para un ensino de calidade”, sostivo esta segunda feira a ministra de Educación Pilar Alegría, que se van gloriou de que a lexislación que permite os concertos foi asinada polo ministro do PSOE José María Maravall. Porén, Alegría pon o límite nos centros escolares que segregan por sexos, “cando a educación recibe fondos públicos ten que impedir a segregación”.

Con respecto á posibilidade de que as e os estudantes avancen de curso con materias suspensas, indicou que a Lei Wert “deixaba pasar curso son máis de tres materias suspensas” e que a “experiencia di que cando un alumno repite, perde a motivación e pasa a engrosar o abandono escolar, temos que pór as medidas oportunas e proporcionarlles os recursos e medidas precisos. 

Comentarios