Estudantes de Conservación marchan a pé tres días para corrixir unha inxustiza

Esta terza comeza unha camiñada de tres días de alumn@s da Escola de Conservación e Restauración para reclamar da Xunta que a titulación sexa recoñecida como universitaria.

AS ensinanzas artísticas superiores integráronse no sistema universitario. Foi en 2010. Música, conservación, restauración... pasaron formar parte do ensino universitario, tal e como viñan demandando desde a comunidade educativa. Mais pouco durou a 'alegría'. En 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo (a raíz dun recurso da Universidade de Granada) retornaba a estes estudantes, que comezaran cursos recoñecidos como graos, á condición de técnicos superiores (non integrados no sistema universitario).

Para corrixir o que consideran unha inxustiza, o estudantado da Escola de Restauración e Conservación leva semanas de protestos e accións reivindicativas. E, malia que o conselleiro Jesús Vázquez negouse a recibilos, eles e elas non desisten. Por iso nesta terza inician unha camiñada a Compostela. Tres días ata chegar á sede da Xunta, onde volver a reiterar a petición de xuntanza co conselleiro, alén de cos grupos parlamentares.

#Defraugrados no #CaminhoDeSantiago

Ao longo de tres xornadas, camiñaremos difundindo a nosa profesión por cada parroquia e vila do itinerario.

Informaremos á sociedade galega dos perigos que supón para a Conservación a desregulación profesional, alén do agravio comparativo coas universidades que xa están prontas para titular a primeira promoción de Grao en Conservación e restauración, coa cal competiremos en clara desigualdade.