Campaña de Anega

O estudantando compostelán, contra os "abusos" na vivenda

A campaña de Anega iníciase con accións de denuncia.
A formación estudantil Anega iniciou onte en Compostela unha campaña para visibilizar  os "abusos" que sofre a mocidade no acceso á vivenda e reclamar unha oferta "digna" e "accesíbel" na cidade e no resto da Galiza. 

A organización denuncia o crecente prezo dos alugueiros unha tendencia que, previsibelmente, continuará até xullo e agudizarase de cara ao curso que vén, por mor do Xacobeo 2021, debido á proliferación da oferta de pisos turísticos.

"Moitas estudantes estamos na situación de ter que vivir na periferia ou marchar directamente a concellos limítrofes como Milladoiro", sinalou onte a portavoz Ana Fidalgo, responsábel de relacións sociopolíticas de Anega. 

Segundo alerta a formación, o alugueiro en Compostela pasou dos 514,6 euros mensuais de media o pasado xullo aos 589 de media en xaneiro, con subas aínda máis acusadas no distrito do Ensanche, "que concentra a meirande parte do estudantado universitario". Nese ámbito o prezo mensual pasou dos 539 aos 622 euros de media.

O estudantado alerta tamén das condicións de insalubridade que en moitas ocasións atopan nas vivendas, "desde humidades tremendas, mobiliario roto ou fugas de gas até pragas e outras deficiencias, así como abusos dos caseiros respecto dos dereitos das inquilinas", advertiu Fidalgo, quen censurou que mesmo desde as empresas inmobiliarias se lles denega o acceso a unha parte do parque inmobiliario. "Vénsenos dicir que existen pisos para os que non somos dignos mentres somos estudantes", censurou.

Reivindicar os dereitos das inquilinas

Fronte a esta situación, que Anega fai extensíbel ao resto de cidades universitarias galegas, a campaña iniciada onte quere sacar á rúa as malas condicións que vive o estudantado e as súas reclamacións para o acceso a  vivenda digna. 

Na primeira fase, a iniciativa contempla accións reivindicativas como pegadas de cartaces e accións en redes sociais. Posteriormente, comezarán os contactos con axentes sociais e políticos, de cara a formular medidas concretas para paliar a situación, que "afecta ás condicións de vida do estudantado", sinalan. Nesta segunda fase, a organización prevé compilar os dereitos das inquilinas, para incluílos nas súas reivindicacións.