O estudantado universitario, pola cancelación do curso

Probas de acceso á Universidade.
Após coñecerse a decisión adoptada pola Consellaría de Educación, en coordinación coas reitorías das tres universidades galegas, de manter o calendario académico sen retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020, sindicatos e colectivos estudiantís rexeitan a viabilidade de manter a actividade lectiva virtual e reclaman a cancelación do curso e dos exames. 

"O curso xa está rematado de facto e ninguén o pode negar. Os efectos do estado de alarma existen e, lonxe de procurar que desaparezan, cómpre asumilos canto antes para traballar por paliar as súas consecuencias negativas", apuntan desde a  Asemblea Nacional de Estudantes Galegas, Anega, que reclama a "suspensión inmediata do curso", ao considerar que se a docencia non presencial "é inviábel en calquera contexto, aínda máis no medio dunha pandemia global como a que estamos a vivir", con "moitas" limitacións técnicase un impacto humano "determinante".

O sindicato estudantil, que xa en días previos trasladara ás tres universidades a proposta de suspensión do curso, lamenta que a decisión de suspensión presencial "chega tarde" e critica a "inacción" para concluír o presente curso, "non unicamente polos problemas loxísticos derivados da situación, senón tamén pola agudización das diferenzas sociais, do malestar psicolóxico que produce a corentena e da incapacidade de moitas estudantes e docentes para continuar a súa actividade”.

No mesmo sentido, o Sindicato de Estudiantes considera "un completo sen sentido que as clases en liña se presenten como unha alternativa viábel ao peche dos  centros porque non chegan a unha gran parte do alumnado, precisamente o de familias traballadoras".

Neste caso, o colectivo demanda  que o conxunto des estudantes pase de curso, cunha reorganización dos plans de estudo para recuperar os contidos esenciais que non se puideron  cursar presencialmente no próximo curso. O Sindicato de Estudiantes reclama tamén a cancelación de todos os exames, incluída a ABAU, e a supresión de notas de corte para entrar na universidade, así como a devolución inmediata da matrícula universitaria íntegra do segundo semestre.

"A pretensión de impoñer exames nestas condicións deplorábeis poñerán unha infinidade de dificultades engadidas para que poidamos recuperármonos desta traxedia e, en moitos casos, suporá que perdamos un ano da nosa vida académica ou directamente expulsarásenos do sistema educativo", censuran, acusando de "abandono" as Autoridades educativas e acadámicas. 

Na defensa do persoal investigador

Non só o estudantado, senón o persoal investigador está a sufrir as consecuencias da crise sanitaria, segundo advirte a Rede Galega pola Investigación, Investigal, que  reclama ás axencias galegas de financiamento, universidades e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria do COVID-19.

Como fai notar a entidade, as medidas excepcionais tomadas a raíz da crise sanitaria da COVID-19 provocaron o peche dos centros de investigación e, polo tanto, a paralización de gran parte da actividade investigadora. Isto afecta á duración de moitos contratos temporais do persoal investigador.  "A investigación estase mostrando como o piar fundamental que é para garantir o
benestar, progreso, convivencia e reflexión crítica das persoas que a compoñen", lembra. 

Neste contexto, Investigal fai un chamado á Consellaría de Educación, aos Organismos Públicos de Investigación (OPI), fundacións, reitorías e vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía  realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os ministerios e fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que "todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais".